Pestanas principais

Os alumnos da Escola Infantil O Bosque pasaron un día na granxa

Xoves, 14 de abril de 2011

[14-04-2011] Os nenos e nenas da Escola Infantil O Bosque de Bertamiráns, gozaron este martes dun día na granxa Liñares, en Cabana. Alí complementaron o que aprenden na escola sobre os animais coa observación directa desta explotación de vacas onde puideron divertirse visitando os animais nas cortes, vendo muxir as vacas e subindo ao tractor. Ademais, tiveron unha merenda con leite, zume e petiscos.

Os nenos e nenas de entre dous e tres anos de idade da Escola Infantil O Bosque de Bertamiráns coñeceron esta semana unha granxa como complemento do traballo de aprendizaxe sobre animais que levaron a cabo estes días na escola. A granxa Liñares en Cabana acolleu a 60 cativos con moitas ganas de aprender e divertirse vendo as vacas que viven alí, os aparellos cos que traballan e as instalacións desta explotación. A granxa pertence á familia dun antigo alumno que sempre recibe moi amablemente esta excursión.

Cando chegaron os nenos en autobús puideron ver como se muxe unha vaca, como lles daban de comer, e mesmo puideron ver e tocar os becerros acabados de nacer. Ademais, os cativos subiron en tractor e xogaron entre a palla seca. Por último, os pequenos foron sorprendidos cunha merenda que incluíu leite, zume e uns petiscos que lles encantaron.

A Escola infantil "O Bosque" realiza periodicamente actividades que complementan as unidades didácticas que se tratan nas aulas. Esta excursión, que levou aos nenos e ás nenas á granxa por un día, encádrase dentro desta idea pedagóxica.