Pestanas principais

Os alcaldes de Ames e Teo coinciden na importancia de buscar unha solución ao parque comarcal de bombeiros

Mércores, 21 de abril de 2021

O alcalde de Ames, Blas García, continúa coa ronda de contactos cos alcaldes dos concellos limítrofes. Hoxe reuniuse co rexedor do Concello de Teo, Rafael Sisto, co que abordou diferentes asuntos que lle afectan a ambos municipios. Ambos rexedores coincidiron na importancia de buscar unha solución ao parque comarcal de bombeiros. Tamén falaron da posible colaboración en proxectos relacionados co ciclo integral da auga, sobre o proxecto de humanización da N-550, ao seu paso polo Milladoiro e Reborido, e sobre o proxecto que está elaborando o Concello de Ames para mellorar a seguridade peonil no lugar da Agrela.

O alcalde de Ames, Blas García, achegouse esta mañá ata a Casa do Concello de Teo, para reunirse co rexedor teense, Rafael Sisto. Ao igual que onte, na xuntanza mantida co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, os rexedores de Ames e Teo coincidiron na importancia de desbloquear e buscar unha solución, o máis axiña posible, ao parque comarcal de bombeiros. Dende o Concello de Teo móstranse dispostos a participa na reunión que se realice para tratar de desbloquear este asunto.

Sobre este tema o alcalde de Ames, Blas García, que tamén é deputado provincial encargado dos servizos de emerxencias, volveu a incidir en que “debemos ter unha xuntanza, o máis axiña posible, ben sexa telemática ou presencial, na que participen representantes da Xunta de Galicia, do Consorcio provincial contraincendios e salvamento da Coruña, da Deputación da Coruña, e dos concellos limítrofes que precisan deste servizo, para dunha vez por todas desbloquear este asunto”.

O alcalde de Teo, Rafael Sito, valorou o encontro como moi cordial no que se abordaron temas que afectan aos dous concellos dos que xa se tiñan falado en anteriores ocasións. Sisto tamén aproveitou para desexarlle éxito na xestión ao novo alcalde de Ames. Sobre o parque comarcal de bombeiros o rexedor de Teo dixo que se trata “dun servizo imprescindible que non pode dilatarse máis”. Neste sentido Rafael Sisto concorda con Blas García en que “non importa tanto o modelo pero é urxente que antes do verán se teñan pasos dados para que o parque comarcal de bombeiros sexa unha realidade”.

Humanización da avenida de Rosalía de Castro
Outro dos asuntos tratados foi a humanización da N-550, ao seu paso polo Milladoiro e Reborido, que afecta a ambos concellos. O Concello de Ames está traballando para dispor dun proxecto de humanización da avenida de Rosalía de Castro (N-550), no núcleo urbano do Milladoiro. Ditos traballos foron contratados á empresa INOR (Ingeniería del Noroeste) de Santiago de Compostela.

Ditos traballos consisten na realización de estudios topográficos e de medición da avenida actual, nun tramo de 1,3 quilómetros, desde a rotonda de entrada ao Milladoiro, situada no municipio de Santiago, ata a de saída, situada no municipio de Teo. O obxectivo é adaptar este estudo ao proxecto de reforma da rotonda de acceso á localidade do Milladoiro, que o Ministerio de Fomento se comprometeu a redactar ao longo deste ano. Sobre este asunto, os alcaldes de Ames e Teo quedaron en volver a falar cando se teña o estudo feito por parte da empresa INOR.

Mellorara da seguridade peonil no lugar da Agrela
Por outra banda, abordouse a mellora da seguridade peonil na estrada provincial DP-0206 ao seu paso pola aldea da Agrela, pertencente á parroquia de Biduído. Os Concellos de Ames e Teo solicitan a colaboración da administración provincial para dotar de beirarrúas a esta vía, por ambas marxes da estrada, co obxectivo de mellorar a seguridade peonil, tanto dos/as veciños/as que transitan diariamente por este lugar como dos/as peregrinos/as, xa que por esta vía pasa o Camiño Portugués.

O Concello de Ames encargoulle á empresa Estudio Técnico a elaboración do proxecto, para posteriormente presentarllo á Deputación, e solicitarlle que financie ditas obras, a través dalgún plan provincial.
 
Por último, na xuntanza mantida hoxe entre Blas García e Rafael Sisto tamén se falou da posible colaboración en proxectos relacionados co ciclo integral da auga.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Clamor en O Milladoiro y Teo: menos coches y más sitio para las personas"

Imaxe da reunión mantida entre Blas García e Rafael Sisto

Multimedia

  • Imaxe da reunión mantida entre Blas García e Rafael Sisto