Pestanas principais

Os alcaldes de Ames e Santiago chegan ao acordo de trazar unha axenda bimensual para tratar asuntos de interese común aos dous Concellos

Domingo, 13 de setembro de 2015

[13-09-2015] Establecer unha axenda bimensual de traballo para tratar temas de interese común aos concellos de Ames e Santiago foi un dos acordos aos que chegaron os rexedores de ámbolos dous municipios, José Miñones e Martiño Noriega, na reunión celebrada en Compostela o venres 11 de setembro. Á proposta fíxoa o alcalde de Ames á vista dos moitos asuntos que unen aos dous concello e foi aceptada de bo grao polo alcalde de Santiago. Na reunión falouse tamén da posibilidade de que nun futuro se poida xestionar publicamente e de forma mancomunada a auga, do transporte Metropolitano, da senda peonil entre Milladoiro e Santiago, do parque comarcal de bombeiros e dos problemas de tráfico derivados da construción do túnel de Conxo que afectan directamente aos veciños de Ames.

Son moitos os temas que unen a Santiago con Compostela e moitas tamén as posibilidades de colaboración en distintas materias. Moitos deles estaban na orde do día da reunión que durante preto de dúas horas mantiveron os alcaldes de Ames e Santiago, José Miñones e Martiño Noriega. E precisamente esa confluencia de intereses comúns foi a que levou ao alcalde de Ames a propoñer ao seu homólogo de Santiago establecer unha axenda bimensual na que se aborden esas cuestións, fixando reunións cos técnicos de departamento correspondentes a cada asunto a tratar.

Unha das cuestións prioritarias na axenda do día foi o tema da auga. Desde o Concello de Ames se lle trasladou ao alcalde de Santiago o interese do municipio en facer público o servizo da auga e a posibilidade de mancomunalo no futuro entre os Concellos da comarca de Santiago, Santiago incluído. O concello de Ames está xa inmerso no procedemento de facer pública a xestión da auga, o concello de Teo comezará a partir do vindeiro 1 de outubro a prestar o servizo de forma pública e os concellos de Brión e Santiago rematan os seus respectivos contratos nos vindeiros anos, sendo posible polo tanto que nun futuro os cinco concellos presten o servizo de maneira pública conxunta. Pola súa banda o alcalde de Santiago amosou o seu interese no procedemento e Martiño trasladoulle ao alcalde de Ames a necesidade de crear unha comisión de traballo sobre este tema.

Por outra banda, José Miñones trasladoulle a Martiño Noriega a necesidade de establecer unha actuación temporal en materia de tráfico na entrada de Santiago que afecta directamente aos veciños de Ames. Neste senso falouse da posibilidade de situar axentes da policía local na rotonda de entrada a Santiago pola N 550, a estrada antiga de Pontevedra, de cara a dirixir o tráfico e evitar os grande atascos que se están a producir.

Os alcaldes, que estiveron estiveron reunidos durante preto de dúas horas, falaron tamén do servizo de emerxencias e da necesidade de reunirse co resto dos alcaldes afectados polo Transporte Metropolitano. A depuradora da Silvouta, a senda peonil entre Milladoiro e Santiago e a posibilidade de instaurar unha liña de autobús nocturna que atenda as demandas dos mozos de Ames que se trasladan as noites das fins de semana a Compostela, foron outros dos asuntos tratados.

Contido relacionado


"Noriega aboga por un servicio de bomberos ligado a Teo y Ames"
"Noriega inicia contactos con la comarca para colaborar en servicios"