Pestanas principais

Os alcaldes de Ames e Santiago buscan vías de colaboración para solucionar as retencións de vehículos producidas na SC-20, entre O Milladoiro e Santiago de Compostela

Martes, 12 de decembro de 2017

[12-12-2017] Esta mañá os alcalde de Ames, José Miñones, e de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, mantiveron unha xuntanza no Pazo de Raxoi, onde se abordaron temas de interese para ambos municipios. En dita xuntanza falouse das retencións de vehículos producidas na SC-20 entre O Milladoiro e Santiago de Compostela. Ambos rexedores acordaron solicitar unha reunión conxunta con Demarcación de Estradas para estudar as posibles medidas a adoptar para paliar ditos atascos. Ademais, trataron como están actualmente os proxectos da nova depuradora de augas residuais do Souto e do parque comarcal de bombeiros.

A situación do tráfico rodado na SC-20 (avenida de Antón Fraguas) dirección Santiago de Compostela, dende O Milladoiro, ten todas as mañás retencións de ata 2 quilómetros en horario de 8:30 a 9:30 horas. O problema principal débese á reincorporación que se fai desde a avenida de Antón Fraguas á rotonda para accede a rúa Volta do Castro. O tráfico nesta rotonda bloquea todo o carril dereito de dita avenida, provocando retencións que chegan ata o núcleo do Milladoiro. O bloqueo deste carril dereito ocasiona un dobre problema de circulación, por un lado a incorporación dos vehículos que veñen da autovía AG-56 ao tratar de reincorporarase a este avenida dirección Santiago, e por outro, o bloqueo do carril esquerdo na propia avenida ata a saída á mesma rotonda.

Esta situación fai que todos os vehículos se van dirección Santiago desde O Milladoiro, Teo ou mesmo dende a N-550 (uns 600 vehículos nesa franxa horaria), así como aqueles que van dende Bertamiráns, Brión ou Noia, conflúan no mesmo punto, facendo da avenida de Antón Fraguas un nó de circulación. Para tratar de solucionar o devandito problema, José Miñones apunta que se presentaron varias medidas a curto prazo como son que "a Policía Local de Santiago regule o tráfico en dita rotonda co obxectivo de desatascar a acumulación de vehículos que se produce, e dándolle prioridade aos vehículos que se incorporan a dita rotando sobre aqueles que veñen da avenida Xosé Filgueira Valverde e de Santiago a través da rúa Volta do Castro. Iso permitiría reordenar o tráfico e serviría como medida provisional".

Ao mesmo tempo tamén habería que regular o tráfico na rotonda de entrada O Milladoiro, traballo que terían que realizar os axentes da Policía Local de Santiago en colaboración cos de Ames. Neste senso, o alcalde compostelán explicou que na xuntanza tamén se abordou a posibilidade de que a Policía Local colabore na regulación do tráfico "da coñecida como rotonda do Milladoiro, que en realidade está en terreos de Santiago e polo tanto é da nosa competencia". Asemade, solicitouse unha xuntanza coa Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, para que a medio-longo prazo, se busque unha solución que pode pasar pola construción dun carril adicional na Rocha, á altura da ponte, ou ben para unha actuación sobre a mesma rotonda á altura da antiga fábrica de paraugas, que é onde se producen os principais problemas polas mañás, co obxectivo de crear un acceso directo ao CHUS.

EDAR de O Souto e parque comarcal de bombeiros
Por outra banda, en dita reunión abordouse a situación na que se atopa actualmente o proxecto da nova depuradora de augas residuais que se vai a construír no lugar de O Souto, en Santiago de Compostela, pero a escasos metros do termo municipal de Ames. Neste senso, Miñones indicou que o goberno municipal tomará este xoves, 14 de decembro, unha decisión sobre este asunto “baseada en tres premisas como que a situación actual é consecuencia dunha mala elección no seu momento do lugar onde se pretende construír dita depuradora. Houbo moi pouca transparencia por parte dos gobernos do PP que no seu día gobernaban en Santiago, Ames e na Xunta, sen que se chegase nin tan sequera a notificar ao Concello de Ames o anteproxecto da nova ubicación de cara a facer alegacións ao mesmo. En segundo lugar, o Concello de Ames estará ao lado e defenderá os intereses dos veciños e veciñas amesáns que viven preto do lugar onde está previsto construír esta depuradora, e en terceiro lugar, o interese de que a auga do río Sar sexa depurada. Para isto último, o rexedor amesán indica que para iso é necesario que actúe o máximo responsable neste senso como é Augas de Galicia”.

O alcalde de Ames explicou que este xoves tomarán unha decisión interna de goberno "ao respecto de se presenta ou non un recurso contra o anteproxecto da EDAR do Souto, porque chama a atención que se aprobara sen terlle enviada ningunha notificación a un Concello situado a pouco máis de 100 metros das instalacións". Pola súa banda, o alcalde compostelán reiterou que o goberno de Santiago "só quere un tempo para analizar a situación e buscar a maior seguridade xurídica para a EDAR".

Por último, os alcaldes de Ames e Santiago analizaron a situación na que se atopa o proxecto do parque comarcal de bombeiros, para o que deberá haber unha decisión a comezos de 2018. O alcalde de Ames destaca que "quedamos en volver a falar sobre este asunto unha vez o Consorcio Provincial Contraincencios e Salvamento da Coruña presente o proxecto definitivo". José Miñones recoñeceu que a Ames lle preocupa este asunto, "porque non ten servizo de emerxencias tendo a obriga de telo, e porque quere recuperar a parcela do Milladoiro que no seu momento cedeu á Xunta para a construción do parque".


Contido relacionado


Nós Televisión: "Os concellos de Santiago e Ames colaborarán para mellorar o tránsito na SC-20"
El Correo Gallego: "Más policías y carriles contra el caos entre Milladoiro y Santiago"
Lindeiros: "Ames e Santiago buscan solucións ao tráfico na avenida Antón Fraguas"
La Voz de Galicia: "Santiago y Ames reclaman a Fomento soluciones a los atascos de Milladoiro"
La Voz de Galicia: "El empresariado de Novo Milladoiro pide soluciones para el caos viario"