Pestanas principais

Os alcaldes de Ames e Brión visitan as instalacións onde se realizaron melloras a través dos obradoiros de emprego Accede e RenovAmes-Brión

Mércores, 18 de xaneiro de 2017

[18-01-2017] Esta mañá os alcaldes de Ames e Brión, José Miñones e José Luís García, acompañados da concelleira de Promoción Económica, Isabel González, dos técnicos responsables dos dous municipios (axentes de desenvolvemento local) e de persoal de dirección e docente dos propios obradoiros visitaron varias instalacións onde se realizaron melloras de accesibilidade, montaxe de equipamentos térmicos de biomasa e mantemento e aforro enerxético, a través dos obradoiros de emprego Accede e RenovAmes-Brión. Por último, visitáronse as instalación do centro de formación do Concello de Ames onde se está desenvolvendo o programa integrado para o emprego InserAmes-Brión IX. Destes programas e obradoiros (Accede, RenovAmes e InserAmes-Brión) estanse beneficiando 95 participantes e 12 profesores/as.

O alcalde de Ames, José Miñones, destacou que "este tipo de obradoiros repercuten de xeito moi beneficioso tanto para os seus participantes coma para á veciñanza de Ames e Brión. O alumnado recibe unha formación teórica e práctica, a través da cal aprende un novo oficio, e dispón dun contrato durante un período de seis meses. Ao mesmo tempo están executando obras de mellora en diversas instalacións municipais que repercutirán de xeito positivo en toda a cidadanía". Miñones tamén incidiu en que "o desenvolvemento destes obradoiros é un claro exemplo do traballo conxunto entre concellos".

Por outra banda, José Luís García, alcalde de Brión, incidiu en que é unha satisfacción ver estes novos sistemas de calefacción ou a eliminación de barreiras arquitectónicas porque son accións que redundan en beneficio dos veciños e veciñas. Pero a satisfacción é maior ao saber que foi feito por persoas que se formaron aquí e que están preparadas para acceder ao mundo laboral".

Asemade, ambos rexedores van a solicitar unha xuntanza coa Consellería de Economía, Emprego e Industria para solicitarlle o mantemento e un maior compromiso da Xunta de Galicia cos Concellos de Ames e Brión no que se refire ao financiamento deste tipo de iniciativas e o desenvolvemento de novos obradoiros, que xa levan impartindo de forma conxunta varios anos. Deste xeito, indican que "despois destes anos de colaboración, tanto Ames como Brión demostramos que é posible non só formar aos veciños senón conseguir ratios de inserción laboral moi superiores aos esixidos, polo que agardamos que dende a Xunta continúen apoiándonos de cara aos próximos anos".

Nestes intres estanse desenvolvendo dous obradoiros de emprego co cofinanciamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria. O RenovAmes-Brión conta con 15 alumnos/as traballadores/as e 4 persoas que forman o persoal de dirección, docente e administrativo. A través deste obradoiro estanse realizando traballos de montaxe e mantemento de equipamentos térmicos de biomasa en varias instalacións municipais de Ames e Brión. O outro obradoiro de emprego que se está desenvolvendo na actualidade é o proxecto denominado Accede no que participan 20 alumnos/as traballadores/as e outras 6 persoas do equipo de dirección, docente e administrativo. Neste caso este proxecto está dirixido a realizar obras de pavimentación e albanelería para mellorar a accesibilidade dos espazos públicos municipais.

Visita a diversas instalacións de Ames e Brión
A visita comezou na biblioteca municipal de Brión. Neste lugar visitáronse as instalacións de caldeiras de pellet instaladas na Biblioteca, na Escola de Musica Municipal e no local de ensaio da Banda Municipal de Brión.

De seguido, achegáronse ata o entorno do CEIP de Brión onde o alumnado do obradoiro de emprego Accede executou un replanteo dos pasos de peóns para a súa adaptación en última á normativa existente. Para iso empregáronse baldosas de terrazo de 64 botóns, así como as pendentes indicadas. Estes traballos realizáronse en coordinación cos servizos afectados de gas natural e da rede de augas pluviais para facer as dúas acometidas dende as novas arquetas e eliminar a arqueta que invadía o paso de peóns que dá acceso a porta do colexio publico de Brión. Tamén se adaptaron as tapas de dúas arquetas da rede eléctrica a os acabados de baldosa de terrazo cos botóns, por a súa coincidencia no trazado da modificación. Ata o de agora executáronse dous pasos de peóns e estase realizando obras na actualidade nun terceiro.

Despois, trasladáronse ao concello de Ames, concretamente, á praza da Maía, onde se están realizando diferentes actuacións de retirada de barreiras arquitectónicas que delimitan a praza, procedeuse xa ao levantado dos bordos que delimitaban o acceso a dito espazo público. Na actualidade estase realizando a redución das illas centrais e a conexión da praza coa beirarrúa da avenida da Maia. Tamén se visitou o Centro de usos múltiples de Aldea Nova. Neste lugar executáronse 28 metros cadrados de soleiras de formigón impreso. Por último, visitouse o Centro de Formación de Aldea Nova, onde se está a desenvolver o programa integrado para o emprego InserAmes-Brión IX e o taller de prácticas do obradoiro RenovAmes-Brión.

Programa integrado para o emprego InserAmes-Brión
Por outra banda, cómpre destacar que nestes intres estase desenvolvendo a novena edición do InserAmes-Brión, que está dirixido a menores de 30 anos, desempregados e con cualificación máxima de bacharelato. Deste proxecto beneficiaranse 60 alumnos/as e 2 titores/as. Esta iniciativa terá unha duración de 12 meses nos que se impartirán diversos cursos e accións formativas e que contará con servizo de titorías individuais.

Durante os primeiros catro meses desta iniciativa xa se conseguiron 20 insercións laborais (33%). Ademais, ata o de agora impartíronse 85 accións de orientación, 8 accións formativas e 14 alumnos realizaron 120 horas de prácticas non laborais en 12 empresas. Tamén se impartiron 70 horas de cursos transversais (elaboración de CV, busca de emprego por Internet, comunicación e habilidades sociais, coaching e técnicas de motivación para a busca de emprego e inglés básico) e 175 horas de cursos específicos (operacións auxiliares de almacén, operacións auxiliares de comercio, operario de maquinaria). Os participantes no curso de maquinaria (carretilla elevadora, retráctil e traspaleta) obtiveron o carné de profesional nesta materia.

Durante as últimas catro edición do programa integrado (incluída a actual), xestionado conxuntamente entre Ames e Brión, participaron nesta iniciativa un total de 322 persoas e impartíronse 69 cursos. Ademais, 860 participantes realizaron algún curso e 187 alumnos/as realizaron prácticas non laborais en 84 empresas. En canto as insercións laborais, houbo 93 participantes cunha inserción de tres meses ou máis. A inserción media das catro últimas edicións (falta por rematar a actual) é na actualidade de 41,42% e realizáronse 173 contratos.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destacou o traballo e as xestións feitas polos técnicos municipais de Ames e Brión para conseguir que estas iniciativas sexan un éxito. "Máis de 100 persoas están participando nestes obradoiros de emprego e no programa integrado de emprego. Moitas destas persoas son actualmente persoal dos concellos de Ames e Brión e a través destas iniciativas teñen a posibilidade de dispor dun contrato laboral".

Contido relacionado


El Correo Gallego: "La formación conjunta para A Maía supera ya el 41% de inserción"