Pestanas principais

Os Alcaldes de Ames e Brión manteñen unha reunión co presidente de Augas de Galicia para tratar a explotación da ETAP

Xoves, 24 de setembro de 2015

[24-09-2015] Os alcaldes de Ames, José Miñones, e de Brión, José Luís García, mantiveron esta mañá unha xuntanza co director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosquera, para tratar a fórmula de xestión da nova Potabilizadora que en breve será entregada pola Xunta de Galicia.

Trala reunión o alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “había unha necesidade clara de falar con Augas de Galicia polo tema da potabilizadora, porque estamos nunha situación de espera na que non sabemos exactamente como ten pensado facer Augas de Galicia a entrega da potabilizadora. Tampouco sabemos que modelo de xestión se vai desenvolver da mesma para a explotación do que é esa instalación de cara aos vindeiros meses”.

Por outra banda, o alcalde de Brión, José Luís García, considera que "o de hoxe foi unha primeira reunión, pois temos claro que non imos asumir a xestión dunha instalación sen saber cal é exactamente o seu estado". García entende que "temos que estudalo e facer un estudo sobre o modelo de xestión, son moitas as cousas que aínda están por pechar. O que si temos claro é que non imos asumir nada sen coñecer todos os datos e estar seguros de que as instalacións están en boas condicións".

Os Concellos de Ames e Brión levaron a esta xuntanza unha proposta conxunta, que segundo indica Miñones “nos parecía a máis lóxica e coherente, que era que a Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, levara a explotación da potabilizadora cando menos durante o período de garantía”.

Finalmente, esta proposta non foi aceptada por parte de Augas de Galicia. Miñones explica que “dende a Xunta de Galicia argumentan que eles non teñen esa competencia en temas de abastecemento da potabilizadora, polo que resulta evidente que teremos que asumir os Concellos esa parte”.

“Mañá temos unha xuntanza na Deputación e aproveitaremos os dous alcaldes para falar co presidente e pedirlle axuda ao ente provincial de cara ao asesoramento necesario para a posta en marcha desta instalación", sentenza o alcalde de Ames.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Augas rechaza gestionar la potabilizadora y va a cederla a Ames y Brión"
La Voz de Galicia: "Ames y Brión no asumirán la gestión de la potabilizadora sin conocer su estado real"
La Voz de Galicia: "La potabilizadora de Ames y Brión está en pruebas para su buen funcionamiento"