[12-04-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o rexedor do concello de A Baña, José Andrés García Cardeso, mantiveron unha reunión co conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, para trasladarlle un anteproxecto para acometer o saneamento en parroquias dos dous municipios. Os dous rexedores pedíronlle ao conselleiro apoio económico da Xunta de Galicia para dotar de saneamento ás parroquias amienses de Tapia (núcleos de Frenza e Vilouta), Piñeiro-San Mamede (lugares de Rúa, Vilaverde, Fernande, Balindo, Covas e San Mamede) e na bañesa de Troitosende (nos núcleos de Menlle de Arriba, Menlle de Abaixo, Vilela, Quintáns, Troitosende, Portochán e Vilacoba).
Santiago Amor e José Andrés García Cardeso expresaron no encontro mantido con Agustín Hernández a súa intención de realizar conxuntamente esta actuación, que conta cun investimento superior aos 1,8 millóns de euros. Por iso, os rexedores de Ames e A Baña solicitaron colaboración á Xunta de Galicia para poder afrontar a realización desta obra.
Nas últimas datas, o alcalde de Ames, Santiago Amor, mantivo reunións cos veciños/as das parroquias de Tapia e Piñeiro para explicarlles os detalles do anteproxecto presentado á Xunta de Galicia. O rexedor informou aos veciños de que se solicitou á Consellería de Medio Ambiente apoio económico para afrontar estas obras. Santiago Amor destacou que “se trata dunha obra moi demandada polos veciños/as de Ames desde hai moitos anos” e que o obxectivo “é dar resposta e cumprir cos veciños/as destas parroquias”.
No anteproxecto sublíñase que no saneamento empregarase un sistema que permite mellorar o tratamento das augas residuais, xa que a tendencia actual é a concentración do saneamento de áreas cada vez maiores nunha única EDAR. Este sistema permite beneficios como seleccionar unha EDAR afastada dos núcleos de poboación, facilita a escalabilidade do sistema e, polo tanto, a progresiva incorporación de novos núcleos e limita os puntos de vertido ó medio natural. Deste xeito, contribúese á conservación da calidade do entorno natural.




