Pestanas principais

Os alcalde de Ames e Brión reúnense para abordar os problemas de abastecemento de auga que están sufrindo ambos municipios

Sábado, 25 de xullo de 2015

[25-07-2015] Os alcaldes de Ames e Brión, José Miñones e Xosé Luís García, mantiveron esta mañá unha reunión na Casa do Concello de Ames dentro dun marco de diálogo e colaboración que se quere manter dende os dous consistorios. Nesta primeira reunión, os rexedores abordaron varios asuntos que son susceptibles de desenvolver a través de proxectos de colaboracións futuras como poden ser a municipalización do servizo de abastecemento de auga, temas de persoal e a creación dunha brigada de arranxo de pistas municipais. Proximamente manterán unha nova xuntanza para abordar estes asuntos de forma independente.

O principal tema que abordaron esta mañá xirou arredor do servizo de abastecemento de auga debido a que ambos concellos están tendo problemas no subministro debido á seca e ao calor deste meses estivais. Segundo a empresa encargada da xestión do abastecemento en concellos da comarca, os niveis dos depósitos de auga baixaron considerablemente e ata límites moi preocupantes. Debido a iso, José Miñones e Xosé Luís García fan un chamamento á cidadanía para que se realice un consumo responsable de auga.

Os problemas de abastecemento de auga estanse incrementando durante estas últimas semanas do mes de xullo, xa que a pesar de que os depositos están traballando as 24 horas do día, a pasada madrugada o concello de Brión tivo un corte no subministro quedado sen auga. Cómpre indicar que o deposito de Aldea Nova é o que subministra auga a Brión. Debido a isto hoxe mesmo ambos rexedores manterán unha xuntanza coa empresa concesionaria do servizo integral da auga en Ames, a UTE Acciona, e coa empresa Espina & Delfín, para solucionar estes problemas de subministro.

Asemade, esta mañá falouse de varias medidas que é necesario adoptar para solucionar estes problemas de abastecemento. Deste xeito, crese necesario que se incremente o subministro de auga dende o concello de Santiago e tamén se lle enviou un escrito a Augas de Galicia para que poñan en funcionamento, o máis axiña posible, a potabilizadora de Ponte Maceira.

Apertura da potabilizadora de Ponte Maceira
Os dous alcaldes asinaron este escrito no que se expón que a poboación dos dous municipios está sufrindo unha grave situación de desabastecemento de auga potable, que lle está afectando a practica totalidade dous seus termos municipais. Esta situación, imprevisible para os dous concellos, e que é susceptible de alongarse no tempo, está afectándolle aos máis de 36.000 habitantes destes termos municipais.

Deste xeito, solicítanlle a Augas de Galicia a posta en funcionamento, de forma excepcional e urxente, da potabilizadora de Ponte Maceira, para dotar o máis axiña posible de auga potable aos habitantes dos concellos de Ames e Brión.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los alcaldes de Ames y Brión se reúnen para buscar solución al problema del agua"
El Correo Gallego: "Ames e Brión piden a posta en marcha da potabilizadora de Ponte Maceira"