Pestanas principais

Os 305 alumnos/as da Escola de Educación Infantil do Milladoiro participan nun simulacro de incendio

Martes, 19 de xuño de 2012

[19-06-2012] O lume non é un xogo, pero cando se trata de aprender, sempre é mellor ofrecer unha sesión animada e dinámica. Os 305 alumnos/as que cursan estudos na Escola de Educación Infantil do Milladoiro participaron esta mañá nun simulacro de evacuación. Nesta actividade colaborou o servizo de Protección Civil do Concello de Teo, despois de que fose solicitado por parte da dirección deste centro educativo. Ademais, os rapaces aprenderon como se desenvolven os traballos de extinción dun incendio cun camión de bombeiros. O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, desprazouse ata O Milladoiro para ver como se desenvolvía esta actividade relacionada coa prevención e as actuacións en situacións de emerxencia.


Os membros de Protección Civil de Teo visitaron este martes a Escola de Educación Infantil do Milladoiro para desenvolver un simulacro de incendio neste centro educativo. Esta actividade enmárcase dentro do Plan de Emerxencias da EEI Milladoiro. No simulacro de evacuación participaron os 305 alumnos/as que cursan estudos neste centro de ensino, así como todo o profesorado e persoal do centro.

Para realizar a devandito simulacro creouse un suposto incendio na sala de dirección do centro. Ás 11:00 horas soou a alarma de incendios e os rapaces e rapazas foron saíndo da escola. Para a evacuación seguíronse dúas direccións. Unha parte do alumnado saíu cara á rúa dos Pardiñeiros, onde esta a zona exterior de xogos do centro, e outra parte do alumnado saíu cara á entrada da escola, que está situada na Travesía do Porto. Dende a dirección do centro catalogaron a evacuación como “un éxito” xa os rapaces e rapazas saíron moi rápido da escola.

Aprender a recoñecer a alarma de incendios, como evacuar o centro cando se alerta dunha situación de perigo ou a quen acudir en busca de axuda, foron algunhas das cuestións que se traballaron cos escolares. Ademais, os membros de Protección Civil de Teo levaron un camión de bombeiros ata a EEI Milladoiro para explicarlle ao alumnado que traballos se realizan para extinguir un incendio. O persoal de Protección Civil fixo unha fogueira no aparcadoiro que linda coa travesía do Porto e que está enfronte da EEI Milladoiro. Posteriormente, procederon a apagar o lume para que o alumnado coñecerá o procedemento que seguen neste tipo de casos. Por último, os nenos/as puideron ver de preto o camión de bombeiros.

Con estas accións preténdese concienciar os máis cativos da importancia de respectar as normas de procedemento en situacións críticas, ensinándolles a manter a calma e, especialmente, a seguir os procedementos pautados para minimizar os traumas e o perigo que supoñen as situacións de urxencia.