Pestanas principais

Os 27 alumnos/as do obradoiro de galego reciben os diplomas de fin de curso

Mércores, 31 de outubro de 2012

[31-10-2012] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Servizos Sociais, organizou un curso de galego dirixido a persoas inmigrantes e retornadas. Esta actividade tivo como principal finalidade achegarlle aos extracomunitarios e retornados ás nocións básicas para a comprensión oral e escrita do galego, así como dar a coñecer a historia, situación actual e costumes da sociedade galega e da amiense, co fin de facilitarlles a introdución na sociedade de acollida. O curso realizouse de xeito simultaneo en Bertamiráns, no Pazo da Peregrina, e no Milladoiro, no centro Tralará. Todas as persoas que completaron as 32 horas das que constou o obradoiro obtiveron un diploma acreditativo. A concelleira de Servizos Sociais, María Dolores Fernández, foi a encargada de entregar os diplomas.

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro foi o lugar escollido para desenvolver o acto de entrega dos diplomas do obradoiro de galego. Neste curso participaron 27 persoas procedentes de nove países diferentes. O alumnado chegou a Ames de países tan diversos como Colombia, Brasil, Venezuela, Marrocos, Guatemala, República Dominicana, Uruguai, Arxentina ou Ecuador. As nacionalidades que máis predominaron foron a colombiana con sete alumnos/as, a marroquí con 4 persoas e a brasileira con outros catro participantes.

O curso realizouse de xeito simultaneo en Bertamiráns, no Pazo da Peregrina, e no Milladoiro, no centro Tralará que está situado na rúa de Abaixo, número 11 baixo. En Bertamiráns asistiron 9 persoas, mentres que no Milladoiro participaron no curso un total de 16 persoas. Esta actividade formativa comezou o día 3 de outubro e desenvolveuse ata o 22 do mesmo mes. A duración desta actividade foi de 32,5 horas repartidas en 13 sesións de 2,5 horas cada unha.

A concelleira de Servizos Sociais, María Dolores Fernández, a responsable da empresa Fiss, que se encargou de impartir este obradoiro, Matilde Calvo, o técnico do Servizo de Atención ao Migrante, Leonardo Pena, e unha das profesoras que impartiu este obradoiro, foron os encargados de facer entrega dos diplomas que acreditan o correcto aproveitamento desta actividade formativa.

Dende a Concellería de Servizos Sociais enténdese que é necesario organizar este tipo de cursos, que están dirixidos ás persoas inmigrantes e retornados que residen no municipio amiense. Deste xeito, a concelleira de Servizos Sociais, explicou que dende o Concello de Ames intentase seguir organizando estes obradoiros durante os vindeiros anos. Este curso contou co financiamento da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Emigración.

Obxectivos do obradoiro
Esta actividade tivo como principal finalidade achegarlle aos extracomunitarios e retornados ás nocións básicas para a comprensión oral e escrita do galego, así como dar a coñecer a historia, situación actual e costumes da sociedade galega e da amiense, co fin de facilitarlles a introdución na sociedade de acollida.

Os obxectivos desta actividade foron mellorar as posibilidades de integración destas persoas na sociedade por medio do coñecemento da lingua galega; conseguir habilidades básicas en lingua galega para a vida cotiá, tanto na fala coma na escrita; obter coñecementos da realidade cultural e histórica de Galicia e de Ames; e achegar ao colectivo migrante os diferentes servizos municipais e a oferta cultural e de ocio do Concello, facilitando tamén o acceso destas persoas á administración pública. Este curso tamén lle serviu ao alumnado como preparación para á obtención dos certificados oficiais de lingua galega (CELGAS).


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Amienses de nove países aprenden galego"