Pestanas principais

Os 21 concelleiros/as da nova Corporación municipal visitan Ames Radio

Mércores, 14 de agosto de 2019

Despois de que se realizase o pleno de constitución o pasado 15 de xuño e maila sesión plenaria de organización da nova Corporación municipal o día 2 de xullo, os/as 21 concelleiros/as están pasando polos micrófonos da emisora municipal, Ames Radio, para darse a coñecer entre a veciñanza e falar tanto da súa faceta persoal como para explicar as súas propostas políticas de traballo. As entrevistas estanse emitindo os luns, martes e mércores no magazine, Somos Ames, que se emite de luns a venres de 12:00 h a 13:00 horas.

Un dos obxectivos da radio municipal, Ames Radio, é reflectir a realidade de todo o que acontece no territorio municipal de Ames, así como recoller as voces de todos os veciños e veciñas de Ames e das autoridades locais. Seguindo esta liña de programación, Ames Radio, está recollendo as voces e opinións de todos os concelleiros/as da nova Corporación municipal co fin de que a veciñanza amesá os coñeza máis de preto. Deste xeito, falan da súa faceta persoal (afeccións no seu tempo libre, música, cine, lectura, etc.), de como comezaron na vida política e de como chegaron ao Concello de Ames, así como das súas propostas políticas de traballo de cara ao mandato 2019-2023.

Esta ronda de intervencións comezou no mes de xullo e rematará no mes de setembro. As entrevistas aos concelleiros/as amesáns estanse emitindo os luns, martes e mércores de cada semana, dentro do magazine, Somos Ames, un programa de entretemento conducido por Nazaret López, no que se ofrecen contidos variados e orientados en moitos casos ao servizo público. Ata o 15 de setembro, Somos Ames emítese de luns a venres, en horario de 12.00 a 13.00 horas.

Ata o de agora pasaron por Ames Radio os concelleiros/as do grupo municipal socialista: Luísa Feijóo, Blas García, Susana Señorís, Manuel Lens, Beatriz Martínez, Víctor Fernández e Ana Belén Paz. Do grupo municipal popular xa visitaron a radio municipal o seu voceiro Ramón García Argibay e María Belén Castro, mentres que do BNG xa se emitiron as entrevistas de Natividade González e Escarlata Pampín. Tamén se emitiron as entrevistas de Vanessa Vidal, de Contigo Podemos, e de José Ramón Oulego, de Ciudadanos Ames.

Entrevistas que quedan por emitir
Polo tanto, quedan por emitir as entrevistas de María Oliva Agra, María Dolores Fernández, Javier Olmo e Emilio Martínez, do Partido Popular de Ames; David Santomil, do BNG; Genma Otero, de Contigo Podemos; e de Enrique Costas, de Ames Novo. Pechará esta rolda de intervencións o alcalde de Ames, José Miñones, do grupo socialista.

Ademais, durante o mes de setembro volverán a emitirse os “Espazos Políticos”, un espazo radiofónico no que participarán os diferentes grupos políticos municipais. A maneira de enfocar este espazo (participantes, contidos, estilo...) será responsabilidade exclusiva de cada grupo político municipal.

Imaxe do pleno de constitución da nova corporación municipal