[30-05-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Cultura, Eugenia Martín, entregaron esta mañá na Casa da Cultura do Milladoiro os diplomas aos dez alumnos que realizaron na quenda da mañá o curso de iniciación ás follas de cálculo. Pola tarde, tamén entregarán os diplomas ao resto de asistentes, un total de 9, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e o de Deportes, Manuel Ferreiro.
Antes do acto de entrega, o rexedor amiense dirixiuse aos alumnos para agradecerlles a súa asistencia ao curso, animándoos a seguir practicando e a empregar o servizo de Aula Aberta durante o verán. “Confío en que durante este mes, os contidos impartidos nesta actividade de formación fosen de proveito para todos vós e que vos sirvan para o futuro”, engadiu o alcalde.
O curso de iniciación ás follas de cálculo, que hoxe remata, impartiuse desde o pasado 2 de maio na aula de informática do Milladoiro, situada na Casa da Cultura desta localidade. A través desta actividade, 19 amienses foron aprendendo como utilizar as follas de cálculo.
Este curso estivo organizado en dúas quendas, unha de mañá, de 10,00 a 12:00 horas, e outra de tarde, de 19,00 a 21,00 horas, para facilitar a asistencia do maior número de persoas posible. Os asistentes realizaron diversas actividades coa finalidade de practicar e familiarizarse cos programas de xestión de follas de cálculo. Os usuarios/as que asistiron a este curso completaron un total de 40 horas lectivas.
A través do manexo deste programa os usuarios poden crear facturas, follas de balance, control de gastos, ou levar o estado das contas, axudando así a controlar a economía dun fogar ou dunha empresa. Durante a primeira semana os participantes familiarizándose cos formatos, fórmulas básicas, gráficos, fórmulas avanzadas, utilización de autoformas, etc. Todas estas operacións realizáronas a través de exercicios prácticos con modelos de facturas e presupostos. Os participantes no curso tamén aprenderon a desprazarse por unha folla de cálculo, cambiar o formato, a personalización das celas, configuración de páxinas e a introdución ás diferentes fórmulas existentes.




