[01-01-2014] Coas vacacións de Nadal chegou tamén ao Concello de Ames o programa Nadal Lúdico, grazas ao cal, dende o 23 de decembro e ata o 8 de xaneiro, os pais con nenos/as entre 3 e 12 anos poden conciliar a súa vida laboral e familiar. Así, 170 nenos e nenas teñen a oportunidade de gozar das actividades e obradoiros deste programa, que teñen por obxectivo mantelos entretidos e ocupados, mentres que os pais e nais están traballando. Este martes, 31 decembro, ás 12:00 horas da mañá, os nenos e nenas que participan no Nadal Lúdico despediron o ano ao son das doce baladas na EEI do Milladoiro e no CEIP A Maía. Os rapaces e rapazas comeron lacasitos en vez de uvas. O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, tamén participou nesta iniciativa, xunto co alumnado do Nadal Lúdico do Milladoiro.
Como xa vén sendo tradicional todos os anos os nenos e nenas que participan no Nadal lúdico adiántanse ao resto de veciños e veciñas de Ames na celebración da festa de fin de ano. Deste xeito, os monitores e monitoras que xestionan as actividades do Nadal Lúdico prepararon unha festa de fin de ano para todos os cativos/as que participan neste programa lúdico. A festa de fin de ano celebrouse este martes 31 de decembro, ás 12:00 horas da mañá, na Escola de Educación Infantil do Milladoiro e no comedor do CEIP A Maía. Este ano foi a terceira vez que se desenvolve esta iniciativa dentro do programa do Nadal Lúdico para celebrar a festa de fin de ano.
Os rapaces e rapazas que participan no Nadal Lúdico tiveron unha mañá moi entretida. En primeiro lugar participaron nun obradoiro de cociña no que elaboraron diferentes produtos para comer na festa de fin de ano. Nesta celebración tamén houbo actuacións musicais. Os cativos/as cantaron varias panxoliñas de Nadal. Durante a semana pasada estiveron elaborando os instrumentos cos que cantaron as panxoliñas e tamén elaboraron diversos adornos de Nadal (gorros de fin de ano, colares de papel de seda, disfraces, etc.).
Ás 12:00 horas os nenos e nenas celebraron por adiantado a chegada do 2014. Os rapaces e rapazas que participan no Nadal Lúdico cambiaron as uvas polos lacasitos e celebraron a chegada do novo ano. O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, tamén participou nesta iniciativa, xunto co alumnado do Nadal Lúdico do Milladoiro. Tralas badaladas os nenos e nenas do Milladoiro fixeron unha conexión a través de Skype para falar con xente de Arxentina e Colombia. Deste xeito, puideron coñecer como se vive o fin de ano en países que neste época do ano están en verán. Tamén coñeceron as diferentes costumes que teñen en ditos países para despedir o ano e comezar un novo.
Cómpre lembrar que o Nadal Lúdico desenvólvese tanto no Milladoiro coma en Bertamiráns. No Milladoiro son 110 os nenos e nenas que participan no programa lúdico, mentres que en Bertamiráns son 60. En Bertamiráns os nenos/as desenvolven as actividades do Nadal lúdico no CEIP A Maía, mentres que no Milladoiro os nenos/as de educación infantil están na EEI Milladoiro e os rapaces e rapazas de educación primaria na Casa da Cultura.


Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Patinaje, dulces y cantos para estrenar el año"
El Correo Gallego: "Los programas concilia y galas preparan la llegada de los Reyes hasta Terras"




