[29-08-2012] As actividades da Escola de verán están a piques de rematar pero antes de finalizar este programa, hoxe pola mañá, os rapaces e rapazas que participan neste programa, que permite a conciliación da vida laboral e familiar durante a época estival, foron de excursión á Cidade da Cultura. Os nenos e nenas tiveron oportunidade de visitar a exposición “Gallaecia Petrea”, que está instalada no Museo de Galicia. Ademais, tamén participaron nun obradoiro de pintura e noutro de escultura e tiveron tempo para participar en varios xogos. Durante a segunda quincena do mes de agosto están participando 111 nenos/as na Escola de verán, dos cales 62 están en Bertamiráns e 49 no Milladoiro.

Este ano as actividades que desenvolven os nenos e nenas que participan na Escola de verán xiran arredor da historia. Cada semana céntrase nun determinado tema, pero que sempre está relacionado coa temática central: Unha viaxe a través da historia. Durante o mes de agosto os rapaces e rapazas traballaron e fixeron varios obradoiros relacionados coa idade moderna e coa idade contemporánea. Aproveitando que os rapaces e rapazas están traballando coas diferente etapas da historia, esta mañá realizaron unha visita á Cidade da Cultura para visitar a exposición “Gallaecia Petrea”, que está instalada no Museo de Galicia.
“Gallaecia Petrea” é a primeira exposición do Museo de Galicia da Cidade da Cultura, unha das mostras máis ambiciosas organizada na nosa Comunidade. A través dela, os nenos/as puideron percorrer a historia da construción da cultura galega a partir dun elemento tan emblemático como a pedra. A mostra engloba desde un petroglifo, como elemento exclusivo que en todo o mundo só atopouse en Galicia, ata pezas dos grandes da escultura galega contemporánea como Francisco Leiro, Manolo Paz ou Silverio Rivas.
Trala visita a esta exposición os 111 nenos e nenas que participaron nesta actividade dividíronse en dous grupos. Un grupo participou nun obradoiro de pintura e outro grupo divertiuse nun obradoiro de escultura. Os rapaces e rapazas tamén tiveron tempo de divertirse e xogar no exterior da Cidade da Cultura onde participaron en diferentes xogos.







