Pestanas principais

Os 1100 usuarios/as do servizo da Rede Municipal de Comedores Escolares recibirán unha charla sobre a hixiene bucal

Martes, 20 de marzo de 2012

[20-03-2012] O departamento de Educación do Concello de Ames organizou unha charla sobre a hixiene bucal, que está dirixida aos máis de 1000 usuarios/as da Rede Municipal de Comedores Escolares. Esta actividade enmárcase dentro da programación pedagóxica do servizo de comedor escolar para o curso 2011-2012. As charlas serán impartidas en horario de funcionamento do servizo de comedor escolar e dentro das actividades previstas neste servizo. As charlas impartiranse entre o 21 e o 30 de marzo no CEP de Ventín, no CEIP A Maía, CEIP de Barouta, CEIP Agro do Muíño e na Escola de Educación Infantil do Milladoiro. A primeira charla impartirase o 21 de marzo no CEP de Ventín. Esta actividade é totalmente gratuíta para os usuarios e non lle ocasiona ningún gasto ao Concello.

Despois da familia, os centros de ensino son os lugares máis importantes de aprendizaxe para os nenos e nenas. Tanto os pais e nais como os propios nenos/as teñen moito que ver na hixiene bucal. A práctica da hixiene da boca é unha cuestión de responsabilidade individual que se adquire a través dun proceso de educación, correspondente a pais e profesorado, por iso hai que destacar que é un tema básico no desenvolvemento dos programas da educación para a saúde.

Debido a importancia que ten que o alumnado adquira un bos hábitos de hixiene bucal o Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación, organizou unhas charlas sobre a hixiene bucal, que están dirixidas aos usuarios/as do servizo da Rede Municipal de Comedores Escolares. Cando o neno/a acode á escola presenta uns hábitos de hixiene, máis ou menos adquiridos no domicilio familiar. Na escola estes hábitos deben ser reforzados para que os rapaces e rapazas se acostumen a lavar os dentes despois de cada comida.

A charla sobre hixiene bucal, prevista na programación pedagóxica do servizo de comedor escolar para o curso 2011-2012, terá lugar por xentileza da clínica Vital Dent do Milladoiro, en horario de funcionamento do servizo de comedor escolar e dentro das actividades previstas neste servizo. Esta charla está dirixida aos 1100 usuarios e usuarias do servizo da Rede Municipal de Comedores Escolares do Concello de Ames e forma parte das actividades previstas na proposta pedagóxica feita pola empresa adxudicataria dos monitores do servizo, Ágora Aberta, S.L.

As charlas impartiranse entre o 21 e o 30 de marzo

A primeira charla terá lugar o día 21 de marzo no CEP de Ventín, en horario de 13:15 h a 14:00 horas para os 130 nenos/as de 10 a 12 anos, e de 14:15 h a 15:00 horas para os 200 nenos/as de 6 a 9 anos. O día seguinte, o 22 de marzo, impartirase esta mesma charla no CEIP A Maía, en horario de 14:15 h a 14:50 horas, para os 130 nenos e nenas de 8 a 12 anos, e de 15:15 h a 15:45 horas, para os 200 nenos e nenas de 3 a 7 anos.

As charlas continuarán a última semana do mes de marzo. O martes 27 será a quenda para o alumnado do CEIP Agro do Muíño. Esta charla impartirase nun único horario, de 15:20 h a 16:20 horas, para os 200 nenos/as de 3 a 12 anos (pequenos e maiores). O mércores 28 realizarase no CEIP Barouta, en horario de 15:30 h a 16:00 horas para os 40 nenos/as de 3 a 12 anos. O último centro de ensino que acollerá esta charla será a Escola de Educación Infantil do Milladoiro. A actividade celebrarase o día 30, en horario de 15:30 h a 16:00 horas, para os 200 nenos e nenas de 3 a 5 anos.

As charlas serán impartidas por Marta Eiras Isorna, hixienista dental, e Daniel Catoira Suárez, xerente da clínica Vital Dent do Milladoiro.