Pestanas principais

Ortoño celebra este domingo, 13 de xullo, a XIX Festa do Chourizo ao Viño

Sábado, 12 de xullo de 2025

Unha nova edición da festa do chourizo ao viño, organizada pola Asociación Gastronómica, Recreativa e Cultural do Chourizo ao viño da parroquia de Ortoño, terá lugar este domingo 13 de xullo. Un ano máis realizarase a degustación de orella cocida e de chourizos ao viño con cachelos. O xantar estará amenizado pola música da banda de gaitas e de baile rexional Os Castros e pola tarde contarase coa actuación de Eva e Camilo e do Dúo Rosán. Ademais, realizarase o XVIII campionato de chave por parellas e haberá un taller de bordado a cargo de Xenuína. A xornada rematará coa actuación do grupo A Banda da Loba, financiada polo Concello de Ames. Haberá carpa e inchables gratuítos para os nenos e nenas por cortesía de Tikolandia. 

Arredor de 1.000 racións de chourizo e 700 de orella serán servidas na XIX edición da festa do chourizo ao viño, que se celebrará este domingo 13 de xullo. Os tíckets para participar na festa, un dos eventos gastronómicos de maior tradición no concello, venderanse no campo da festa de Ortoño, onde se realizará o evento. Ademais do xantar, a festa inclúe unha tarde chea de música e de opcións para que os máis cativos e cativas tamén poidan gozar.

Este ano cúmprense 20 anos dende que se organizou a primeira edición en 2005 da festa do chourizo ao viño, aínda que son 19 as edicións organizadas ata este momento, porque no ano 2020 non se realizou dita festa pola pandemia da Covid.

Degustación de chourizo e orella
A xornada dará comezo ás 12:00 horas coa celebración dunha misa cantada polos defuntos da parroquia. Unha vez rematada a eucaristía, a partir das 13:00 horas, comezará a degustación dos chourizos ao viño acompañados de cachelos e da orella de porco cocida, para o que se instalará unha carpa. As racións poderanse comer acompañadas por viño do Ribeiro. Haberá tamén café e xeado.

As racións venderanse a prezos populares. Así, a tarteira con chourizos, pan, viño, café e xeado custará 13 euros, mentres que o prato de orella cocida, o pan e o viño custará 7 euros.

Actuacións musicais e concurso de chave por parellas
Durante o xantar contarase coa actuación da banda de gaitas e baile rexional Os Castros. De seguido, contarase coa actuación de Eva e Camilo e do Dúo Rosán. Ademais, a partir das 16.00 horas realizarase o XVIII campionato de chave por parellas. As inscricións das parellas poderase facer ata as 15.30 horas e contarase con  trofeos doados polos Concello de Ames e outras sorpresas.

Por outra banda, de 16.05 a 17.30 impartirase un taller de bordado a cargo de Xenuína. As inscrición poderanse facer ás 15.30 horas no propio campo da festa de Ortoño. Para este obradoiro hai prazas limitadas. Haberá carpa e inchables gratuítos para os nenos e nenas por cortesía de Tikolandia.

A xornada rematará coa gran actuación do grupo A Banda da Loba, financiada polo Concello de Ames. A Banda da Loba está composta por Andrea, Estela, Iria, Marcela e Xiana. “Bailando as rúas”, “Fábrica de luz”, “Hasme oír”, “Xabón Lagarta” e “Lovismo”, publicado este ano 2025, son os cinco traballos discográficos que teñen publicados.

Novas relacionadas: 

Diario de Santiago: "Ortoño celebra este domingo, 13 de xullo, a XIX Festa do Chourizo ao Viño"

Ortoño celebra este domingo, 13 de xullo, a XIX Festa do Chourizo ao Viño

Multimedia

  • Ortoño celebra este domingo, 13 de xullo, a XIX Festa do Chourizo ao Viño