Pestanas principais

Ortoño celebra este domingo 10 a XVI Festa do chourizo ao viño con mil racións e o concerto de Luar na Lubre

Venres, 08 de xullo de 2022

A parroquia de Ortoño recupera despois de tres anos de paréntese a súa tradicional Festa do chourizo ao viño, que se celebrará este domingo 10 de xullo. A iniciativa, organizada pola Asociación Gastronómica, Recreativa e Cultural do Chourizo ao Viño, alcanza a súa décimo sexta edición acompañada da degustación da orella de porco cocida. O xantar terá lugar na Carballeira de San Xoán a partir das 13:00 horas, amenizado polas actuacións do grupo de música tradicional Os Retranqueiros e o dúo Eva e Camilo. A xornada completarase co XV Campionato de chave por parellas e a actuación ás 20:00 horas do grupo folk Luar na Lubre, como parte do programa “Música nas parroquias”, que promove e financia a Concellaría de Cultura.

Este domingo 10 de xullo volve a Ames unha das festas gastronómicas de maior tradición no concello, coa celebración da décimo sexta edición da Festa do chourizo ao viño, acompañada da degustación da orella de porco cocida. A xornada, organizada pola Asociación Gastronómica, Recreativa e Cultural do Chourizo ao Viño, conta co apoio do Concello de Ames a través da Concellaría de Cultura, que achegará a Ortoño ao grupo folk Luar na Lubre co seu programa “Música nas parroquias”, que inclúe ata vinte actuacións de agrupacións tradicionais e grupos musicais, como Devacas ou Os d’Abaixo.

O día de festa desenvolverase na Carballeira de San Xoán e arrincará ás 12:15 horas, cunha misa cantada. Unha vez rematada, a partir das 13:00 horas comezará a degustación dos chourizos ao viño e da orella de porco. As persoas que conforman a asociación organizadora serán os encargados de preparar arredor dunhas 500 racións de orella e outras 1.000 de chourizo, que se poderán comer nunhas mesas resgardadas por unha carpa.

Haberá varias opcións para degustar os diferentes pratos. A tarteira de barro con chourizos ao viño, cachelos, pan, viño, xeado e café custará 12 euros. Ademais, as persoas que queiran repetir poderano facer pagando 5 euros máis. Por outra banda, unha ración de orella con pan e viño valerá 6 euros. Este xantar estará amenizado pola agrupación de música e baile tradicional Os Retranqueiros e polo dúo Eva e Camilo, que acompañarán á festa na sobremesa e ao longo da tarde.

Xa a partir das 16:30 horas, desenvolverase o XV Campionato de chave por parellas das Festas do chourizo ao viño, na que as persoas que desexen participar se poderán inscribir no propio día ata as 16:00 horas. As persoas gañadoras recibirán uns trofeos doados polo Concello de Ames e outras sorpresas. Ademais, para entreter á cativada, instalaranse inchables gratuítos, cedidos á organización por Tiko Doco.

Por último, e para rematar a romaría, o grupo galego de música folk Luar na Lubre actuará na propia Carballeira de San Xoán, ás 20:00 horas, como parte do programa “Música nas parroquias” da Concellaría de Cultura. Trátase dunha das formacións de maior popularidade da escena musical galega, con arredor de 2000 concertos realizados en máis de 35 países dende a súa fundación no ano 1985.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ortoño recupera mañana la Festa do chourizo ao viño"

El Correo Gallego: "Ortoño recuperará a súa tradicional Festa do chourizo ao viño"

AMSGO!: "Ortoño reparte este domingo, día 10 de xullo, mil racións na XVI Festa do Chourizo ao viño"

Ortoño celebra este domingo 10 a XVI Festa do chourizo ao viño con mil racións e o concerto de Luar na Lubre

Multimedia

  • Ortoño celebra este domingo 10 a XVI Festa do chourizo ao viño con mil racións e o concerto de Luar na Lubre
  • Ortoño celebra este domingo 10 a XVI Festa do chourizo ao viño con mil racións e o concerto de Luar na Lubre
  • Ortoño celebra este domingo 10 a XVI Festa do chourizo ao viño con mil racións e o concerto de Luar na Lubre