Pestanas principais

A orquestra Panorama e as gañadoras do Canta con Ames actúan o 18 de setembro no Milladoiro

Martes, 13 de setembro de 2022

O programa AmesOn de verán chega ao seu fin este domingo, 18 de setembro, coa actuación da orquestra Panorama e das gañadoras do concurso Canta con Ames: Adriana Vigo, María Iglesias, Montse Angueira e José Rey. Dita actividade realizarase no aparcamento da rúa Agro do Medio, ao carón do Supercor, no Milladoiro. Estará prohibido estacionar no aparcadoiro do Supercor e no tramo da rúa Agro do Medio, nos cruces coa rúa Pardiñeiros e coa rúa Cruxa, dende as 16.00h do sábado 17 de setembro ata as 8.00 horas do luns 19 de setembro.

Esta fin de semana remata o programa AmesON de verán 2022, que incluíu 13 actuacións musicais en prazas e parques de Bertamiráns e do Milladoiro. Para despedir o verán a localidade do Milladoiro acollerá a actuación da orquestra Panorama no aparcamento da rúa Agro do Medio, ao carón do Supercor. O inicio da actuación está prevista para as 19.00 horas. A entrada ao recinto estará aberta a partir das 18.00 horas. Haberá un acceso único ao recinto, que será pola rúa Agro do Medio (zona de Carglass). Haberá aseos dentro do recinto e non se poderá acceder con bolsas nin mochilas grandes. Haberá control de bebidas alcohólicas.

O concerto comezará coa actuación das gañadoras da segunda edición do concurso Canta con Ames, que se realizou durante os meses de xullo e agosto no Milladoiro e Bertamiráns. Nesta edición participaron un total de 25 persoas. Este ano as gañadoras foron Adriana Vigo, na categoría infantil; María Iglesias, na categoría xuvenil; Montse Angueira, na categoría sénior; e José Rey, na categoría súper sénior. Un dos premios é poder actuar de abreconcertos no concerto da orquestra Panorama este domingo, 18 de setembro, no Milladoiro.

O evento estará presentado pola xornalista, Loli Gómez, que tamén foi a encargada de presentar as diferentes fases do Canta con Ames. O concerto será gravado pola empresa Mirabelle, do Milladoiro, que se encargou de organizar o concurso Canta con Ames. A gravación de dita actuación forma parte dos premios que reciben as gañadoras do concurso xa que se lle entregará un vídeo profesional sobre o seu paso polo concurso e de dita actuación.

Por outra banda, as comisións de festas de Bertamiráns e do Milladoiro disporán dunha cantina compartida para recadar fondos para organizar o programa do Ames en Festa de 2023. As persoas que queiran tomar algunha consumición terán que retirar uns tíckets previamente, nunha carpa habilitada para iso, para despois cambialos pola bebida que queiran tomar.

Prohibición de estacionamento
Dita actividade realizarase no aparcamento da rúa Agro do Medio, ao carón do Supercor, no Milladoiro. Debido a iso, o domingo 18 de setembro vaise cortar un tramo da rúa Agro do Medio dende ás 9.00 horas. Este corte de tráfico non lle afecta aos garaxes da rúa da Cruxa, aos garaxes do número 10, 12 e 14 da rúa Agro do Medio, ao garaxe do número 8 da rúa Agro da Madalena nin aos garaxes da rúa Agro da Vella.

Ademais, recórdase que segundo o bando de Alcaldía non está permitido aparcar no estacionamento do Supercor, así como no tramo da rúa Agro do Medio cos cruces da rúa Pardiñeiros e rúa Cruxa, dende as 16:00 horas do sábado 17 de setembro ata as 08:00 horas do luns 19 de setembro.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que “estamos chegando ao remate do programa AmesON de verán deste ano. A través desta iniciativa, a Concellaría de Promoción Económica animou á veciñanza durante os meses de verán con 13 actuacións. Con este programa pretendeuse dinamizar e axudar aos sectores do comercio e da hostalaría. Agradecer á orquestra Panorama este regalo para os gañadores do Concurso Canta con Ames que sen dúbida quedará gravado na súa memoria”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Os gañadores do AmesON compartirán escenario ca Panorama o domingo"

La Voz de Galicia: "La orquesta Panorama y las ganadoras de Canta con Ames actúan el 18 en O Milladoiro"

AMSGO!: "A Panorama e as gañadoras do Canta con Ames actúan o 18 de setembro no Milladoiro"

Enfoques: "La Panorama y los ganadores de Canta con Ames despiden AmesOn en O Milladoiro este domingo"

A orquestra Panorama e as gañadoras do Canta con Ames actúan o 18 de setembro no Milladoiro

Multimedia

  • A orquestra Panorama e as gañadoras do Canta con Ames actúan o 18 de setembro no Milladoiro
  • Gañadoras/es do concurso Canta con Ames