Pestanas principais

Organízase unha xornada de iniciación ao piragüismo e sendeirismo para este sábado 18 de xuño en Tapia

Martes, 14 de xuño de 2016

[14-06-2016] Para darlle a benvida ao verán o Concello de Ames organizou unha xornada deportiva para esta fin de semana na área recreativa de Tapia. Deste xeito, vaise a levar a cabo a primeira saída organizada pola ruta de sendeirismo do rego do Andoriña. Trátase dunha ruta circular de 5,2 km (dificultade baixa) que comeza e remata na praia fluvial de Tapia. Ademais, organizase un ano máis a actividade de “Achégate ao piragüismo”. Esta actividade ten a finalidade de que todas as persoas que o desexen poidan aprender a dominar esta embarcación. Todos os participantes, se o desexan, poderán facer un donativo en favor da Fundación Tu ayuda = Mi ilusión.

Baixo o lema Achégate á praia fluvial de Tapia o Concello de Ames organizou para este sábado, 18 de xuño, unha serie de actividades deportivas gratuítas que se desenvolverán a partir das 11:00 horas na contorna da área fluvial de Tapia. Nesta iniciativa colaboran o club de piragüismo Ribeiras do Tambre, o club de sendeirismo e montañismo Rutasapie e a Deputación da Coruña. Os veciños e veciñas que desexen participar nesta andaina deberán estar ás 11:00 horas na haima que estará instalada na praia fluvial de Tapia. Esta actividade está dirixida a persoas maiores de 8 anos. Os participantes deben levar unha vestimenta axeitada e un calzado cómodo. Esta ruta ten unha distancia de 5,2 km.

A ruta parte e remata na praia fluvial de Tapia. Desde aquí discorre paralela ao río Tambre ata que se incorpora á estrada e nos achega ata a Ermida da Nosa Señora da Madalena. Seguindo un antigo caneiro chegamos ás ribeiras do rego do Andoriña que agochan varios muíños de regato. Devagar, os paseantes pasarán a carón dunha das murallas defensivas do castro de Piñeiro, un dos máis grandes da Maía. Despois de pasar polo lugar de Rúa, o camiño lévanos ao Priorado de San Mamede. Alí encóntrase a igrexa, un edificio que foi un antigo convento beneditino e un hórreo de grandes dimensións.

Desde aquí internámonos nunha pequena fraga, a devesa de Sequeiros, unha mostra do bosque atlántico que antigamente ocupaba esta terra e onde a especie dominante é o carballo acompañado de castiñeiros, loureiros, xilbarbeiras… Unha vez se sae do bosque podémonos achegar ata a pequena fervenza do Canal Carreiro situada a apenas a 100 metros de distancia. Na ponte de Portochán gozaremos dunha vista inmellorable sobre o río e o seu bosque de ribeira no que dominan grandes ameneiros e freixos. Nesta ponte comeza o couto de pesca de Ponte Maceira. Continuando o percorrido polo Tambre, chégase á praia fluvial.

Esta ruta foi creada polas persoas que participaron no obradoiro de emprego “Entre Ríos”, que acondicionaron este tramo de camiño que discorre polas ribeiras do río Tambre e do rego do Andoriña. Grazas a unha subvención da Deputación da Coruña conseguiuse o financiamento necesario para colocar a sinalización da ruta e elaborar os folletos informativos. Dende o Concello agradecen a colaboración dos veciños de Piñeiro, e especialmente, aos das aldeas de Rúa e San Mamede.

Achégate ao piragüismo
Por outra banda, organizouse unha xornada de iniciación ao piragüismo. Aprender a subirse a unha piragua, a manter o equilibrio e a manexar a pala para que a embarcación se desprace correctamente son os obxectivos básicos que persegue a actividade Achégate ao piragüismo, que se celebrará este sábado nas instalacións da praia fluvial de Tapia. O Concello de Ames conta coa colaboración do Club Piragüismo Ribeiras do Tambre que se encarga de impartir esta actividade.

Así, todas as persoas que desexen iniciarse no deporte do piragüismo poderán participar e gozar desta xornada de portas abertas que se celebra todos os anos. As persoas maiores de 8 anos que saiban nadar poderán achegarse ata a praia fluvial de Tapia, entre as 11:00 e as 14:00 horas, para aprender a remar polo río Tambre, a controlar a dirección da piragua e algunhas outras nocións básicas. Recoméndase o uso de traxe de baño, camiseta, e chancletas. Esta actividade desenvolverase na praia fluvial de Tapia, dado que neste lugar existen unhas instalacións inmellorables para a práctica deste deporte.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Solidariedade na iniciaciónao sendeirismo e ó piragüismo"