[24-05-2017] O Concello de Ames organizou para este domingo, 28 de maio, unha andaina polo rego da Andoriña. Percorreranse cinco quilómetros andando polas beiras do río Tambre e do rego do Andoriña. Faranse tres paradas, unha nun tramo a beira do devandito rego, outra nun souto situado no lugar de Rúa, e un terceiro na capela do priorado de San Mamede. Trátase dunha andaina aberta a todos os públicos que é circular, polo que arranca e remata na praia fluvial de Tapia. Un autobús achegará aos participantes a punto de partida. As persoas que queiran solicitar máis información ou inscribirse nesta actividade poden chamar ao número 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal
Baixo o lema Menos cajetilla e máis zapatilla, o Concello de Ames organizou para este domingo, 28 de maio, unha ruta polo rego da Andoriña. Esta actividade enmárcase dentro da XVIII semana sen fume que se desenvolve do 25 ata o 31 de maio e que remata coa conmemoración do Día mundial sen tabaco. Neste caso percorreranse cinco quilómetros andando polas beiras do río Tambre e do rego do Andoriña. Faranse tres paradas, unha nun tramo a beira do devandito rego, outra nun souto situado no lugar de Rúa, e un terceiro na capela do priorado de San Mamede.
A ruta parte da praia fluvial de Tapia, onde se pode ver o muíño da Insua, que está restaurado e aparece recollido no Catastro do Marqués da Ensenada de 1.750. De seguido, hai que seguir unha senda polas beiras do río Tambre ata que os camiñantes se incorporen a unha estrada que os leva ata a Ermida da Nosa Señora da Magdalena. Seguindo un antigo carreiro, os camiñantes chegarán ás ribeiras do rego do Andoriña.
Tamén pasarán ao carón das murallas do castro de Piñeiro e da capela do priorado de San Mamede. Dende este punto, os participantes na andaina chegarán a unha pequena fraga, a devesa de Sequeiros, onde poderán ver unha mostra do bosque atlántico. Unha vez se sae do bosque poderán achegarse ata unha pequena fervenza do canal Carreiro. Finalmente, pasarán pola ponte de Portochán, antes de volver o punto de inicio.
Andaina aberta a todos os públicos
Trátase dunha andaina aberta a todos os públicos, circular (arranca e remata na praia fluvial de Tapia) e de dificultade baixa. Un autobús achegará aos participantes a punto de partida. O autobús pasará ás 09:45h pola Casa da Cultura do Milladoiro e ás 10:00h pola praza do Concello de Bertamiráns. As persoas que vaian pola súa conta ata o punto de saída deberán estar ás 10:15 na praia fluvial de Tapia. A andaina comezará arredor das 10.30 horas e rematará arredor das 14:00 horas.
Recoméndase levar auga, roupa e calzado cómodo, así como algo para comer. Tamén se lle recomenda aos participantes que manteñan o grupo unido e non se dispersen xa que poderían perderse durante o transcurso da andaina. A intención do Concello de Ames con esta iniciativa é valorizar o itinerario cultural e ambiental da ruta e da zona co obxectivo de que a xente a coñeza mellor. As persoas que queiran solicitar máis información ou inscribirse nesta actividade poden chamar ao número 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal