Pestanas principais

Organízase unha nova xuntanza do Club de mocidade con diversidade de Ames

Venres, 22 de marzo de 2024

A Concellaría de Benestar Social vén de poñer en marcha, en colaboración coa Concellería de Mocidade, o Club de mocidade con diversidade de Ames. Trátase dun proxecto novidoso a través do que se trata de crear un grupo de  mozos e mozas de entre 13 e 25 anos con diversidade funcional para que compartan experiencias e proxectos. Ademais, participarán en xuntanza quincenais e actividades familiares (unha por trimestre). As actividades que se imparten están coordinadas por dous monitores da empresa Aquelando SL, coworkers do espazo colaborativo A Proa.  O sábado 23 de marzo haberá unha nova xuntanza na Casa dos Maiores de Bertamiráns co obxectivo de ir facendo grupo e que os mozos e mozas interesados se unan a este club xuvenil.

O pasado 9 de marzo comezou a andaina do Club de mocidade con diversidade de Ames cunha xuntanza no local social de Agrón. Este primeiro encontro serviu para explicarlles ás familias en que consiste este novo proxecto posto en marcha pola Concellaría de Benestar Social en colaboración coa Concellería de Mocidade. Este club pretende ser un espazo de encontro, aberto e plural, onde os mozos e mozas poidan dar resposta aos seus intereses con diversos proxectos e actividades.

Tras esa primeira xuntanza, prográmase un novo encontro. O sábado, 23 de marzo, ás 17:30 horas, haberá un encontro na Casa dos Maiores de Bertamiráns. O obxectivo de ir facendo grupo, que os mozos e mozas se coñezan entre eles e ao monitorado que os acompañarán neste proxecto. Así, falarán dos seus gustos, das súas familias ou dos seus amigos a través de diversas dinámicas e xogos.

Actividades de conciliación
Ademais, esta xuntanza tamén servirá para que o grupo se familiarice co equipo que estará con eles nas actividades de Conciliación de Semana Santa que se van desenvolver entre o 25 e o 27 de marzo, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Ademais, tamén programarán algunhas das actividades que se van desenvolver durante eses días.

A este respecto, a concelleira de Benestar Social, Uxía García, destaca que “tanto o club como as actividades de conciliación dirixidas a este colectivo son algo novidoso na contorna, nunca se fixera algo semellante dirixido especificamente á mocidade con diversidade funcional”.

Funcionamento do Club
Trátase dunha nova iniciativa dirixida a mozos e mozas de Ames que teñan entre 13 e 25 anos de idade e que teñan algún tipo de diversidade funcional. Está dirixido prioritariamente a rapaces e rapazas que estean empadroados no concello de Ames. Participarán en actividades de lecer propostas polo monitorado e polos membro do club. Ademais, os membros de dito club farán xuntanzas quincenais e actividades familiares (unha por trimestre). Todas as actividades estarán xestionadas e supervisadas por monitores/as titulados. No club de mocidade con diversidade haberá unha ratio de 1 monitor/a por cada 3 participantes.

Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 667 665 705 ou escribir un correo electrónico ao enderezo: clubxuvenilames@gmail.com.

Organízase unha nova xuntanza do Club de mocidade con diversidade de Ames

Multimedia

  • Cartaz do club de mocidade con diversidade de Ames