Pestanas principais

Organízase unha excursión á península do Barbanza dentro do programa "Coñecendo o país"

Martes, 15 de marzo de 2011

[15-03-2011] A península do Barbanza será o destino da próxima visita organizada dentro do programa "Coñecendo o país", que a Concellería de Cultura pon en marcha anualmente para ofrecer á veciñanza de Ames a posibilidade de coñecer o encanto da xeografía galega e a beleza das súas vilas e comarcas tanto na costa coma no interior do país. O 26 de marzo 250 veciños e veciñas do concello poderán achegarse ata o Barbanza para gozar dunha xornada lúdica na que poderán coñecer máis sobre a a historia e o patrimonio de Ribeira, Noia ou a Pobra do Caramiñal. A actividade custará tan só 20 euros e as persoas interesadas poden anotarse ata o venres 18 de marzo. Durante o ano pasado, organizáronse tres excursións, nas que participaron máis de 700 as persoas.

A veciñanza de Ames terá a oportunidade de coñecer o vindeiro sábado 26 a riqueza paisaxística e natural da península do Barbanza. O programa "Coñecendo o país" levará a cabo ese día a primeira saída das tres que prepara anualmente, nas que se ofrece ás persoas interesadas que estean empadroadas no Concello de Ames a posibilidade de coñecer o encanto da nosa xeografía e a beleza das paisaxes e as vilas de Galicia. As persoas participantes nesta primeira visita poderán admirar o Barbanza desde múltiples lugares da península, coma o miradoiro da pedra da Ra, o parque de San Roque ou a Curota.

A excursión comezará ás 9:00 horas da mañá do sábado 26 coa saída desde Bertamiráns e desde o Milladoiro. A chegada a Ribeira, con tempo libre para almorzar, está prevista ás 10:00 horas. Ás 10:30 comezarán as visitas rotativas por Ribeira, polo miradoiro da Pedra da Rá, polo Dolmen de Axeitos e polo Parque Natural de Corrubedo.

Rematadas as visitas da mañá, ás 13:30 sairase para o Restaurante Hotel Oca-Río Azor, onde ás 14:00 horas terá lugar o xantar. Ás 16:00 a excursión sairá para a Pobra do Caramiñal, onde os participantes poderán dar un paseo, e ás 17:00 subirase ata o monte da Curota, un dos mellores miradoiros das Rías Baixas. Ás 18:00 horas o grupo dirixirase a Noia, onde ás 19:00 visitará o seu fermoso casco histórico. Ás 20:00 deixarase tempo libre aos participantes na excursión é as 20:30 terá lugar a saída de volta a Ames, onde se chegará ás 21:00 horas.

As excursións organizadas pola Concellaría de Cultura baixo o programa "Coñecendo o país" gozan historicamente dun grande éxito no Concello. En 2010, realizáronse tres saídas, nas que participaron máis de 700 persoas. Deste xeito, o ano pasado os amienses visitaron as localidades de Cea, Oseira e Ourense na primeira saída, Pedrafita do Cebreiro e Samos na segunda e Celanova e Allariz na terceira e última excursión.

Prazo de inscrición

Todos os veciños e veciñas de Ames que desexen participar nesta excursión poderán anotarse entre o 14 e o 18 de marzo na Casa da Cultura do Milladoiro ou no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, en horario de 09:00 a 14:00 horas. Hai dispoñíbeis 250 prazas totais para a visita, que se encherán por rigorosa orde de inscrición. A actividade custa 20 euros, que deberán ser ingresados na conta 2080-0215-41-0040000056 de Novacaixagalicia.