Pestanas principais

Organízase unha excursión cultural á Ribeira Sacra para o sábado 16 de xuño

Luns, 04 de xuño de 2012

[04-06-2012] A Ribeira Sacra será o destino da próxima visita que se enmarca dentro do programa "Coñecendo o país". A Concellería de Cultura organiza esta excursión cultural co obxectivo de ofrecerlle á veciñanza de Ames a posibilidade de coñecer o encanto da xeografía galega e a beleza desta zona, que se atopa ao sur da provincia de Lugo e ao norte da provincia de Ourense. O 16 de xuño, 150 veciños e veciñas do concello poderán achegarse ata esta comarca para gozar dunha xornada lúdica na que poderán coñecer máis sobre a a historia e o patrimonio de Monforte de Lemos, Castro Caldelas, o mosteiro de Montederramo e realizarán unha viaxe en catamarán polos canóns do Sil. A actividade custará tan só 25 euros e as persoas interesadas poden anotarse ata o venres 8 de xuño. As inscricións realizaranse por rigorosa orde de entrada. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter máis información sobre esta actividade.

A veciñanza de Ames terá a oportunidade de coñecer o vindeiro sábado 16 de xuño a riqueza paisaxística e natural da Ribeira Sacra. O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, organiza esta excursión cultural co obxectivo de ofrecerlle á veciñanza amiense a posibilidade de coñecer o encanto da nosa xeografía e a beleza das paisaxes e as vilas de Galicia. Esta actividade está dirixida ás persoas que estean empadroadas no Concello de Ames.

A Ribeira Sacra comprende as ribeiras dos ríos Sil e Miño, que se atopa na zona sur da provincia de Lugo e no norte da provincia de Ourense. A Ribeira Sacra é especialmente coñecida polos seus tesouros naturais e biolóxicos pois constitúe un ecosistema de grande variedade e riqueza. Destacan os canóns do Sil, polas súas espectaculares paisaxes. Esta é unha zona na que o río discorre a través de paisaxes e montañas de gran beleza. Os canóns dispoñen de varios miradoiros habilitados para admirar a súa espectacularidade, así como dun catamarán aberto ao público que transita os canóns dun a outro lado.

A excursión comezará ás 8:00 horas da mañá do sábado 16 de xuño con saída desde Bertamiráns e desde o Milladoiro. A chegada a Monforte de Lemos, con tempo libre para almorzar, está prevista ás 09:45 horas. Ás 10:30 h irase cara o embarcadoiro de Doade para visitar os canóns do Sil. Ás 11:30 h sairá o catamarán que levará durante unha hora aos veciños/as de Ames polos canóns do Sil. Para rematar as actividades da mañá realizarase unha visita á Adega Regina Viarium. Tras unha intensa mañá de visitas, ás 14:00 h os veciños/as farán un descanso de dúas horas para xantar no restaurante A Cantina.

Ás actividades da tarde comezarán ás 16:00 h, momento no que os tres autobuses saíran cara a Castro Caldelas. Media hora máis tarde comezará a visita guiada por esta vila. Para as 18:00 horas está prevista outra visita, neste caso ao mosteiro de Montederramo. Unha hora máis tarde, ás 19:00 h, a veciñanza amiense volverá cara Ames, onde se chegará ás 21:00 horas.

Prazo de inscrición 

Todos os veciños e veciñas de Ames que desexen participar nesta excursión poderán anotarse entre o 4 e o 8 de xuño na Casa da Cultura do Milladoiro ou no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, en horario de 09:00 a 14:00 horas. Hai dispoñibles 150 prazas totais para a visita, que se encherán por rigorosa orde de inscrición. A actividade custa 25 euros. Este prezo inclúe o custo do autobús, a comida, o catamarán, as guías e as entradas. O importe deberá ingresarse na conta 2080 5215 38 3040000054 de Novagalicia Banco.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Excursión cultural a la Ribeira Sacra el 16 de junio"