[20-04-2013] O Concello de Ames, a través da concellaría de Voluntariado e Maiores, organiza unha charla informativa sobre a recollida e a contaminación dos produtos fitosanitarios. Esta actividade enmárcase dentro do seminario de viticultura que se leva desenvolvendo dende o pasado mes de outubro. A charla celebrarase o luns 22 e abril, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. As persoas que participen nesta actividade coñecerán os principais aspectos que hai que ter en conta para reciclar os envases dos produtos fitosanitarios segundo establece a normativa europea. A charla será impartida por unha técnica da empresa Sitgfito Agroenvases S.L.
A Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) organizou para este luns, 22 de abril, unha charla informativa sobre a recollida e a contaminación dos produtos fitosanitarios. Esta actividade está aberta a toda a veciñanza amiense, aínda que se enmarca dentro do curso de viticultura que se imparte todos os luns na aula de usos múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro.
A charla será impartida por unha técnica da empresa Sitgfito Agroenvases S.L. Nesta actividade impartiranse diferentes nocións para que os/as participantes coñezan o sistema de recollida de envases fitosanitarios que realiza esta compañía co obxectivo de darlles un tratamento ambiental correcto. Este sistema ten unha dobre finalidade: por unha banda, facilita a unha serie de colectivos (envasadores, distribuidores, agricultores) o cumprimento das obrigacións en materia de residuos de envases fitosanitarios, evitando posibles sancións. Por outra banda, axuda a preservar o medio ambiente e favorece o desenvolvemento sustentable da agricultura.
Cómpre destacar que o produto fitosanitario é unha sustancia ou mestura de sustancias destinadas a previr a acción dos insectos (insecticidas), ácaros (acaricidas), moluscos (molusquicidas), roedores (raticidas), fungos (fungicidas), malas herbas (herbicidas), bacterias (antibióticos e bactericidas) e outras formas de vida animal ou vexetal prexudiciais para a saúde pública e tamén para a agricultura.
Para obter máis información sobre esta actividade poden chamar ao número de teléfono 662 377 044. Se o prefiren, poden pasar pola Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 10:00 h a 14:00 horas. Tamén poden enviar un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.org




