[08-02-2013] O Concello de Ames colabora co programa Vacacións en Paz que leva a cabo a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, a través do cal as familias do municipio poden acoller durante os meses de xullo e agosto nenos e nenas saharauís que viven nunha situación complexa nos campamentos de refuxiados de Tindouf en Alxeria. Coma o de Ames, son moitos os concellos de toda Galicia que colaboran con esta boa causa para que estes nenos e nenas poidan pasar o verán na nosa comunidade. Con todo, as familias de acollida a través da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí están organizando unha cea solidaria co obxectivo de recadar fondos para financiar os billetes de avión dos nenos/as saharauís que veñen a Galicia durante o verán.
A cea será o próximo día 23 de febreiro no restaurante Monte da Condesa, que está situado no campus universitario sur de Santiago de Compostela, ás 21:30 horas. O prezo da cea para os adultos é de 25 euros mentres que para os nenos é de 12 euros. A recadación irá destinada ao financiamento dos billetes de avión dos nenos/as saharauís que veñen a Galicia da man do Programa Vacacións en Paz. Para asistir á cea pódese contactar con Esther Ybarra, portavoz na zona da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí no teléfono 609 76 49 45.
O Concello de Ames colabora un ano máis co programa Vacacións en paz, que leva a cabo a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Este programa preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauís. Trátase de ofrecerlles a estes cativos, que naceron nun clima de guerra, a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa, a súa formación.
Este ano o Concello de Ames acollerá a tres nenos e nenas do Sáhara a través desta campaña posta en marcha pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. O Concello actúa de mediador entre as familias amienses e esta asociación para xestionar a estadía dos nenos/as saharauís en Ames. A Administración local encargase de pagar o billete de avión (ida e volta) de cada neno/a que ten un custo de 890 euros. Polo tanto, o Concello de Ames achegará un total de 2.670 euros para o programa Vacacións en Paz.
A colaboración e a achega económica que realizan os concellos é moi importante, pero ademais a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí pretende recadar a maior cantidade posible de diñeiro nesta cea co obxectivo de que sexan moitos os nenos e nenas que poidan vir a Galicia durante este verán e pasar unhas vacacións en paz.




