[10-12-2012] As bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro acollen o próximo luns 17 e martes 18 de decembro, respectivamente, un obradoiro no que os nenos e nenas aprenderán a elaborar adornos e postais ecolóxicas de Nadal. Esta actividade está dirixida aos rapaces e rapazas que teñan entre 6 e 12 anos. Todos os nenos/as que estean interesadas en inscribirse nesta actividade deben anotarse chamando ao número de teléfono 662 371 723 ou enviando un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.org. O prazo de inscrición está aberto dende o 10 ata o 14 de decembro.
Ao longo desta semana estará aberto o prazo para inscribirse no obradoiro de elaboración de postais ecolóxicas de Nadal, que organizan as bibliotecas municipais en colaboración coa Aula da Natureza. Todos os nenos e nenas que desexen participar nesta actividade, que está incluída dentro da programación municipal de Nadal, terá que facer a inscrición entre o 10 e o 14 de decembro chamando ao número de teléfono 662 371 723 ou enviando un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.org
Este obradoiro desenvolverase o luns 17 na biblioteca municipal de Bertamiráns e o martes 18 de decembro na biblioteca do Milladoiro. En ambos casos esta actividade comezará a partir das 17:00 horas. Este obradoiro será totalmente gratuíto. A Aula da Natureza será a encargada de poñer os materiais naturais para a elaboración das postais (follas de diversas árbores e plantas, paus, pedras, ourizos de castañas...), así como os materias necesarios para a súa composición.
Ademais, dende a Aula da Natureza levaranse diversos modelos de postais ecolóxicas que servirán de exemplo para os participantes, aínda que estes poderán crear novos modelos ao seu gusto e segundo as súas posibilidades (dependendo das capacidades e idade dos participantes).
A través desta actividade preténdese concienciar á veciñanza de que en lugar de lanzarse a comprar de forma case instintiva postais de papel, pódense elaborar con materiais naturais que todos temos á man e crear así unhas postais moito máis orixinais e que lles darán ás felicitacións de Nadal un toque moi persoal e natural. Este obradoiro amosará o compromiso coa natureza e dará a coñecer unha nova forma de reciclaxe.
Así pois, dende a Biblioteca municipal e a Aula da Natureza animan aos rapaces e rapazas de Ames a participar nesta actividade e a iniciarse en novas formas de reciclaxe, cada vez máis necesarias se queremos manter a riqueza natural do país.





