Pestanas principais

Organízase un curso de galego para persoas inmigrantes e retornadas

Sábado, 29 de setembro de 2012

[29-09-2012] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Servizos Sociais, organizou un curso de galego dirixido a persoas inmigrantes e retornadas. Esta actividade ten como principal finalidade achegar aos extracomunitarios e retornados as nocións básicas para a comprensión oral e escrita do galego, así como dar a coñecer a historia, situación actual e costumes da sociedade galega e da amiense, co fin de facilitarlles a introdución na sociedade de acollida. O curso desenvolverase de xeito simultaneo en Bertamiráns, no Pazo da Peregrina, e no Milladoiro, no centro Tralará, dende o 3 ata o 22 de outubro, en horario de 10:00 h a 12:30 horas. As persoas interesadas poderán inscribirse na Oficina de Voluntariado (na Casa da Cultura de Bertamiráns) e no Servizo de Atención ao Migrante (nas Oficinas Municipais do Milladoiro). O obradoiro é gratuíto e achegarase diploma acreditativo. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición.


O Concello de Ames ten unha alta porcentaxe de poboación chegada de fóra de Galicia. Na actualidade conta con persoas de 65 nacionalidades procedentes dos cinco continentes e cunhas 40 linguas. Esta realidade multicultural converte o concello amiense nun espazo privilexiado de intercambio cultural, unha interculturalidade que enriquece a toda a veciñanza.

Moitas destas persoas case non tiveron contacto coa lingua e coa cultura galegas ou permaneceron durante moitos anos alleas a ela. Por este motivo, dende a Concellería de Servizos Sociais, a través do Servizo de Atención ao Migrante, enténdese que é necesario organizar este curso, que está dirixido ás persoas inmigrantes e retornados que residen no municipio amiense. Este curso, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Emigración, conta con moi boa acollida entre a veciñanza amiense.

Comprensión oral e escrita do galego

Esta actividade ten como principal finalidade achegar aos extracomunitarios e retornados as nocións básicas para a comprensión oral e escrita do galego, así como dar a coñecer a historia, situación actual e costumes da sociedade galega e da amiense, co fin de facilitarlles a introdución na sociedade de acollida.

O curso desenvolverase de xeito simultaneo en Bertamiráns, no Pazo da Peregrina, e no Milladoiro, no centro Tralará que está situado na rúa de Abaixo, número 11 baixo, dende o 3 ata o 22 de outubro, en horario de 10:00 h a 12:30 horas. A duración desta actividade será de 32,5 horas repartidas en 13 sesións de 2,5 horas cada unha.

Os obxectivos que se buscan a través desta actividade son mellorar as posibilidades de integración destas persoas na sociedade por medio do coñecemento da lingua galega; conseguir habilidades básicas en lingua galega para a vida cotiá, tanto na fala coma na escrita; obter coñecementos da realidade cultural e histórica de Galicia e de Ames; e achegar ao colectivo migrante os diferentes servizos municipais e a oferta cultural e de ocio do Concello, facilitando tamén o acceso destas persoas á administración pública. Este curso tamén serve como preparación para á obtención dos certificados oficiais de lingua galega (CELGAS).

As persoas interesadas poderán inscribirse na Oficina de Voluntariado de Ames, que está situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, e no Servizo de Atención ao Migrante, que se atopa nas Oficinas Municipais do Milladoiro. Para máis información poden poñerse en contacto con estes departamentos a través dos números de teléfono 662 371 463 ou 662 371 079. O obradoiro é gratuíto e achegarase diploma acreditativo.