Pestanas principais

Organízase o IV Campus de Iniciación ao Atletismo Millaraio

Martes, 29 de agosto de 2017

[29-08-2017] Do 4 ao 8 de setembro, o club Millaraio organiza o seu cuarto Campus de Iniciación ao Atletismo, que se desenvolverá no complexo deportivo de Bertamiráns en horario de mañá, de 9:00h a 13:30 horas. O prezo por participante será de 35 euros para as e os atletas do club e de 45 euros para persoas non socias. A inscrición pódese facer a través da páxina web do club www.millaraio.es.

Esta cuarta edición do Campus procura ser un comezo lúdico e diferente de inicio de temporada para as socias e os socios do Millaraio, ofrecendo, ao mesmo tempo, unha primeira toma de contacto divertida co mundo do atletismo, para todas e todos aqueles que non son socios do Millaraio.

Alén das actividades ligadas á iniciación neste deporte como lanzamentos ou saltos, o Campus tamén incluirá actividades de piscina e unha camiñada desde Milladoiro ata o Praza do Obradoiro, en Santiago. A diario, as rapazas e rapaces participantes terán que levar roupa e calzado deportivo, auga e unha pequena merenda para o descanso. Os días nos que haxa actividade de piscina, deberase levar toalla, traxe de baño, gorro e chanclas. O Campus está dirixido a nenas e nenos nados entre o ano 2006 e o 2011.

O prezo por participante será de 45 euros para mozas e mozos que non sexan membros do club, e de 35€ para socias e socios. As persoas non socias poderán escoller entre dúas modalidades de pagamento: a través dun ingreso ou transferencia na conta de Abanca ES11 2080 3114 1730 4000 7543 ou entregando o diñeiro o primeiro día do campus. Para as socias e socios do club, o pagamento da inscrición pasarase polo banco como co resto de cotas. A inscrición pódese realizar na páxina web do club www.millaraio.es.

Contido relacionado


Ames Go: "O IV Campus de Iniciación ao Atletismo Millaraio comezará en setembro"
Lindeiros: "IV Campus de Atletismo Millaraio"