Pestanas principais

Organízase no Milladoiro unha xornada de achegamento á cultura do pobo saharauí

Martes, 08 de agosto de 2017

[08-08-2017] A Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), e mailo Concello de Ames, organizaron unha xornada de achegamento á cultura do pobo saharauí, que se desenvolverá este xoves, 10 de agosto, entre as 17:00 e as 20:00 horas, ao carón da piscina municipal descuberta do Milladoiro. A través desta iniciativa vaise instalar unha jaima saharauí na que se van a xuntar as familias con nenos/as saharauís de Ames, Brión, Teo e Santiago de Compostela. Ademais, están invitadas as familias con nenos/a saharauís do resto de Galicia. Haberá música saharauí, xogos populares e realizarase a cerimonia do té. A jaima estará decorada con elementos e adornos propios do Sáhara.

O Concello de Ames colabora un ano máis co programa Vacacións en Paz, que leva a cabo a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, a través do cal as familias do municipio poden acoller durante os meses de xullo e agosto nenos e nenas saharauís que viven nunha situación complexa nos campamentos de refuxiados de Tindouf en Alxeria. Este ano as familias amesás demostraron, unha vez máis, a súa solidariedade, pasando dunha soa familia acolledora a 10 nun período de dous anos. Asemade, o Concello de Ames tamén aporta o seu grao de area, sufragando o billete de avión das cativas e cativos que estarán durante os meses de verán no concello.

Deste xeito, durante este verán están en Ames 11 nenas e nenos saharauís que este xoves, 10 de agosto, van a participar nunha xornada de achegamento á cultura do pobo saharauí. Nesta iniciativa tamén participarán as familias con nenos/as saharauís dos concellos da contorna: Brión, Teo e Santiago de Compostela. A previsión é que se xunten as familias dos 20 rapaces e rapazas que están pasando o verán neste municipios. Ademais, están invitadas as familias con nenos/a saharauís do resto de Galicia.

Esta actividade vaise a desenvolver entre as 17:00 e as 20 horas nunha jaima que estará instalada ao carón da piscina descuberta do Milladoiro (na zona verde que está situada entre a piscina e o instituto). Trátase dunha actividade a través da cal se intenta mostrarlle á veciñanza amesá as tradicións e costumes do pobo saharauí. Así, haberá música saharauí, xogos populares e realizarase a cerimonia do té. A jaima estará decorada con elementos e adornos propios do Sáhara.

Esther Ybarra, portavoz na zona da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, explica que “en anos anteriores sempre facíamos esta xuntanza na casa dunha familia acolledora, pero este ano ao haber máis familias que acolleron nenos e nenas saharauís decidimos facela aberta a toda a veciñanza para que coñezan as costumes do pobo saharauí. Trátase de pasar unha tarde xuntos para que estes nenos e nenas nos ensinen as principais tradicións do Sáhara”.

Contido relacionado


Ames Go: "Este xoves, no Milladoiro, achégate á cultura saharauí"
Lindeiros: "O Milladoiro acolle unha xornada sobre á cultura do pobo saharauí"
La Voz de Galicia: "Cultura saharaui en Milladoiro"