Pestanas principais

Organízanse reunións informativas sobre os campamentos de verán 2012

Mércores, 02 de maio de 2012

[02-05-2012] As concellarías de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude e de Medio Ambiente, Sanidade e Cultura organizan este mércores 2 e o xoves 3 de maio dúas reunións informativas sobre os campamentos de verán 2012. O mércores 2 a xuntanza terá lugar no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, mentres que o xoves 3 desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro. Ambas as dúas reunións realizaranse en horario de 17:30 h a 20:30 horas. Este ano ofértanse un total de 520 prazas para que os rapaces e rapazas, mozos e mozas que teñen de 3 a 18 anos gocen duns días de vacacións cheos de actividades lúdicas e instrutivas. Todos aqueles cativos que desexen asistir teñen de prazo para preinscribirse ata o 8 de maio.

O persoal municipal encargado da xestión dos campamentos de verán, así como a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, e a concelleira de Medio Ambiente, Sanidade e Cultura, Eugenia Martín, estarán a disposición de todos os veciños e veciñas de Ames para resolver as súas dubidas sobre os campamentos de verán deste ano. Organízanse dúas xuntanzas informativas: o mércores 2 de maio no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e o xoves 3 de maio na Casa da Cultura do Milladoiro. Ambas as dúas reunións realizarase en horario de 17:30 h a 20:30 horas.

Dedicarase media hora para explicar todos os detalles de cada un dos campamentos que se organiza. Entre as 17:30 e as 18:00 explicaranse os detalles do campamento que se desenvolverá na granxa escola de Bergando (Negreira) para os nenos e nenas que cursaron este ano estudos de primeiro e segundo de Educación Infantil. De 18:00 a 18:30 horas será a quenda para os pais e nais dos nenos/as de terceiro de Educación Infantil e de primeiro e segundo de Primaria, que desexen preincribirse no campamento da granxa escola de Bergando (Negreira).

Desde as 18:30 a 19:00 horas realizarase a reunión para os rapaces e rapazas de 3º e 4º de Educación Primaria que poden preinscribirse no campamento Albergue Fundación González Ferreiro, do concello ourensán de Allariz. Entre as 19:00 e as 19:30 horas informarase do campamento da Granxa Escola Kiriko de Fornelos de Montes. Este campamento está dirixido aos alumnos de 5º e 6º de Educación Primaria.

De 19:30 a 20:00 horas desenvolverase a reunión informativa sobre o campamento xuvenil en Aveiro, Portugal, que está dirixido aos rapaces e rapazas de 1º a 4º de educación secundaria. Mentres que de 20:00 a 20:30 horas terá lugar a reunión para informar sobre a viaxe xuvenil ao parque Port Aventura de Tarragona, que está dirixido aos mozos/as de 16 a 18 anos.

Prazo de solicitudes

Todos os rapaces que desexen asistir terán de prazo para preinscribirse ata o día 8 de maio. A preinscrición realizarase cubrindo unha ficha para todos os campamentos que poderán descargar na sección de AVISOS da web www.concellodeames.org, ou no banner que está situado na cabeceira da web. Ademais poden consultar as bases na sección de AVISOS e no banner que está columna central da web municipal e que se denomina “Bases e prezos dos campamentos de verán 2012”. A ficha de preinscrición tamén se poderá recoller no Milladoiro e en Bertamiráns. Na Oficina Municipal do Milladoiro, de luns a venres en horario de 09:00 a 14:00 horas, para todos os campamentos.

No caso de Bertamiráns, os impresos para os campamentos de infantil e primaria pódense recoller na Concellaría de Medio Ambiente de luns a venres, mentres que os dos campamentos xuvenil recolleranse na concellería de Xuventude. En ambos os casos en horario de 09:00 a 14:00 horas. Os impresos entregaranse, no Rexistro da Oficina Municipal do Milladoiro de 09:00 a 14:00 horas ou no Rexistro Xeral en Bertamiráns, tamén de 09:00 a 14:00 horas.

Unha vez rematado o prazo de preinscrición e a efectos de información e posibles reclamacións expoñeranse as listas provisionais nos taboleiros oficiais do concello do 10 ao 12 de maio. As listas definitivas expoñeranse ao público nos mesmos lugares o vindeiro 18 de maio.

Como o número de prazas é limitado, no caso de haber máis solicitudes que prazas, a adxudicación farase por sorteo público no salón de plenos do concello o día 22 de maio ás 10:00 horas. O resultado do sorteo expoñerase publicamente o día 23 de maio.

Para ampliar calquera outra información dos campamentos de verán poden poñerse en contacto co Concello de Ames a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org e do número 660 004 665 para os campamentos de Infantil e Primaria e omix@concellodeames.org e 616 083 229 para os campamentos xuvenís.