Pestanas principais

Organízanse dous concursos de decoración de Nadal dirixidos a comerciantes e á veciñanza en xeral

Luns, 21 de novembro de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, organiza o XVII concurso de escaparates de Nadal. Ademais, este ano como novidade organizase a primeira edición do concurso de decoración de Nadal veciñal. O obxectivo é que tanto comerciantes como a veciñanza en xeral colabore co Concello na decoración de Nadal. Deste xeito, poderanse decorar os escaparates dos comercios, así como as fachadas, balcóns, fiestras e xardíns de edificios e vivendas. O prazo de inscrición xa está aberto para participar en ambos certames. Repartiranse 6.000 euros (4.000 euros no concurso de escaparates e 2.000 no concurso de decoración de Nadal veciñal) divididos en oito premios (haberá catro premios por concurso).

Esta mañá a Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu a presentación dos concursos de decoración de Nadal que organiza o Concello de Ames. A presentación correu a cargo do alcalde de Ames, Blas García, da concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, o concelleiro do Rural e Participación cidadá, Santiago Márquez, e mailo técnico do departamento de Promoción Económica, Jorge Couñago. Deste xeito, presentouse o XVII concurso de escaparates de Nadal. Ademais, este ano como novidade organízase a primeira edición do concurso de decoración de Nadal veciñal.

No XVII concurso de escaparates de Nadal valorarase o desexo ou atracción pola compra, a orixinalidade e a composición do escaparate. Tamén se terá en conta o emprego dos produtos propios do comercio ou tenda e a utilización de produtos reciclados. Repartiranse 4.000 euros divididos en catro premios de 1.500€, 1.100€, 800€ e 600€. O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o 5 de decembro ás 14.00 horas. As solicitudes de inscrición poden presentarse de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, nos rexistros municipais existentes na Casa do Concello, en Bertamiráns, ou na Oficinas municipais do Milladoiro. Tamén se poden presentar a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Non se admitirán solicitudes presentadas fóra de prazo.

Os motivos e decoración dos escaparates terán como tema as Festas de Nadal e só poderá presentarse ao concurso un único proxecto por establecemento. Os escaparates deberán estar expostos, como mínimo, entre os días 10 de decembro de 2022 e o 7 de xaneiro de 2023. Todos os concursantes terán que enviar unha foto do escaparate ao endrezo promocioneconomica@concellodeames.gal, antes do 18 de decembro de 2022.

Decoración de Nadal veciñal
Por outra banda, cómpre destacar que este ano de xeito simultáneo organízase a primeira edición do concurso de decoración de Nadal veciñal. Deste xeito, preténdese incentivar a creatividade dos veciños e veciñas do municipio, participando e colaborando na decoración das fachadas, balcóns, fiestras e xardíns, dando un ambiente artístico e tradicional e transmitindo un espírito festivo, que contribuía a mellorar do ánimo de todos os veciños/as e supoña un foco de atracción para os visitantes do concello, no seu ámbito rural e urbano.

A decoración deberá estar exposta dende o 10 de decembro de 2022 ata o día 6 de xaneiro  de 2023. Só poderá presentarse ao concurso un único proxecto por vivenda. As decoracións e adornos teñen que ser típicos de Nadal, así como a composición de elementos, a proposta de ornamentación das fachadas, entradas, ventás, casas, árbores, etc. dos participantes. Os elementos decorativos situaranse sobre as fachadas, balcóns, fiestras e xardíns sen causar ningún tipo de perigo nin prexuízo para as persoas e os bens, e sen ocupar as vías de circulación. En caso de realizar a decoración aproveitando o voo das vías públicas (colocación  grilandas, faroliños, iluminación...), deberase contar coa aprobación dos donos dos  inmobles. A zona elixida para ser decorada  ten que ser totalmente visible dende a vía pública.

A solicitude de inscrición hai que presentala a través da Sede electrónica
do Concello de Ames ou ben de forma presencial nos rexistros municipais. O prazo de inscrición estará aberto ata o 10 de decembro. Os participantes deberán aportar antes do día 25 de decembro de 2022 (incluído) cando menos dúas fotografías polas que se poida visualizar a decoración realizada. A achega das fotografías realizarase á conta de correo electrónico promocioneconomica@concellodeames.gal, facendo constar o número de rexistro da solicitude de inscrición e maila identidade do representante.

O xurado valorará aos participantes pola súa creatividade, en base aos criterios de composición e deseño, tendo en conta, ademais, a orixinalidade e a elaboración propia. Do mesmo xeito, valorarase a utilización da iluminación como foco de atracción e o uso de materiais de refugallo. Repartiranse 2.000 euros repartidos en catro premios de 500 euros cada un. Valorase sobre todo a creatividade en composición e deseño; a orixinalidade e elaboración propia; e produtos reciclados.

O xurado de ambos certames estará representado por un/unha representante do voluntariado de Ames; un/unha representante do voluntariado da Aula da Natureza; un/unha representante do voluntariado de Protección Civil; e un/unha representante da Unión de Consumidores de Galicia.

Presentación dos concursos de decoración
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que “o concurso de escaparates é un certame xa consolidado que vai pola décimo sétima edición. Neste concurso repartiranse 4.000 euros en catro premios que van dende os 1.500 euros ata os 600 euros. Valorarase o deseño ou atracción pola compra, a orixinalidade, a utilización de produtos propios así como de produtos reciclados. Ademais, este ano como novidade organízase o primeiro concurso de Nadal veciñal que estará dotado con 2.000 euros repartidos en catro premios de 500 euros cada un. Neste concurso poderán participar fachadas, balcóns, fiestras e xardíns das vivendas unifamiliares do concello”.

Ademais, Ana Belén Paz dixo que “o obxectivo é que os/as comerciantes e a veciñanza en xeral colabore co Concello na decoración de Nadal e entre todos e todas axudemos a dinamizar e darlle luz e cor as nosas rúas e ao noso rural para axudar ao noso comercio e a hostalaría local”.

O técnico do departamento de Promoción Económica, Jorge Couñago, explicou “agardamos que ambos concursos de decoración de Nadal teñan unha boa acollida e participación e que axuden a dinamizar o comercio durante o Nadal, que é unha das épocas nas que sempre hai un gran volume de negocio nos comercios. Este ano incrementouse un pouco a contía dos premios do concurso de escaparates respecto a edicións anteriores. Ademais este ano convocamos un concurso de iluminación dirixido á veciñanza co obxectivo de que contribúan a iluminar e decorar as súas vivendas e por conseguinte o concello”.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “o concurso de escaparates dentro dos comercios busca que os comercios participen, e, sobre todo, darlle un aire navideño aos locais para fomentar o que máis lles interesa a eles e nos interesa a todos, que é que a xente saia á rúa, desfrute do Nadal, e, sobre todo, que consuma e compre nos comercios de Ames; que ademais temos un comercio e unha hostalaría con moita calidade e que é moi importante dentro da comarca”.

“Ademais, o que buscamos é recuperar o Nadal. O ano pasamos buscabamos esa recuperación do Nadal que por desgracia vimos truncada e tivemos que suspender varias das actividades que tiñamos previstas, e este ano esperamos recuperar o Nadal ao 100%. E recuperalo non só cos premios e co concurso de escaparates de comercios, hostalaría e de todos os negocios que queiran participar, senón tamén entre a veciñanza, sumando un concurso máis, no que buscamos a participación da veciñanza de Ames, especialmente do rural”.

“Queremos levar o Nadal do concello ata o rural con eses premios de 2.000 euros que repartiremos entre 4 premios. Non é un tema tanto de competición e de crear unha orde de premios, senón de fomentar a participación. Sabemos que hai unha serie de vivendas do rural que durante anos se dedicaron a adornar e a decorar as súas vivendas no exterior, sobre todo. Este ano queremos fomentar que o fagan moito máis, e, sobre todo, os nenos e as nenas. Fainos ilusión a todos pero sobre todo aos máis pequenos e pequenas, cando saen por aí e ven a iluminación”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Premios a los escaparates y fachadas vecinales con mayor alcance navideño"

La Voz de Galicia: "Ames premiará las decoraciones navideñas de comerciantes y particulares"

AMS GO!: "Convócase por primeira vez un Concurso de Decoración de Nadal Veciñal en Ames"

Imaxe da presentación dos concursos de decoración de Nadal

Multimedia

  • Imaxe da presentación dos concursos de decoración de Nadal
  • Cartaz do concurso de decoración vecinal 2022
  • Cartaz do concurso de escaparates Nadal 2022