[06-06-2014] A sesión plenaria ordinaria do mes de maio estivo marcada pola licitación do servizo municipal de abastecemento e saneamento. Despois de debater este tema, os concelleiros/as da oposición rexeitaron a proposta de licitar este servizo a dous anos, cunha posible prórroga doutro ano máis. A licitación deste servizo municipal foi rexeitado cos votos en contra dos concelleiros/as do grupo municipal socialista e dos edís non adscritos, mentres que os membros do grupo de goberno votaron a favor. Neste Pleno tamén tomou posesión como novo concelleiro José Blas García, que pasou a formar parte do grupo municipal socialista. Ademais, aprobáronse catro mocións. Na primeira solicitábase que se estude a opción de facer unha variante ou un túnel no Milladoiro e acabar co problema do tráfico que circula pola avenida de Rosalía de Castro. Noutras dúas mocións, presentadas por vía de urxencia, solicitábase que despois da abdicación do rei se poida convocar un referendo para que a cidadanía elixa libremente sobre o modelo de Estado. Na última moción, tamén presentada por vía de urxencia, solicitouse que non se reduza o nivel de atención das matronas e enfermeiras no centro de saúde do Milladoiro.
Este xoves, 5 de xuño, celebrouse a sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de maio, debido a que o último xoves do pasado mes foi festivo local no concello de Ames. Este Pleno, que comezou coa toma de posesión do concelleiro do grupo municipal socialista José Blas García, estivo marcado polo debate que mantiveron os concelleiros/as arredor da licitación do servizo municipal de abastecemento e saneamento. Sobre este asunto o alcalde de Ames, Santiago Amor, comezou dicindo “quero facer un chamamento á responsabilidade de todos os concelleiros/as, deixando ao un lado os erros que se cometeron e as diferencias partidistas, para aprobar a licitación do servizo de saneamento e abastecemento por un período de dous anos cunha opción dun ano máis de prórroga”.
Santiago Amor explicou que “co novo contrato farase unha auditoría para obter todos os datos deste servizo e saber se é posible apostar por outra das opcións que se barallou neste proceso, que é a da municipalización deste servizo. Con este marxe de tempo de dous anos, a nova corporación municipal que saía elixida nas próximas eleccións municipais de 2015 terá todos os datos e todas as opcións encima da mesa para sacar adiante o contrato máis importante que ten o Concello de Ames, e sen estar atado por ningunha corporación anterior. Co novo contrato, cada ano o Concello deixaría de gastar en reparacións e en diferentes actuacións que realiza a actual concesionaria do servizo, un mínimo de 300.000 euros ao que teríamos que sumar un canón de 350.000 euros, ao ano como mínimo, que figura nese novo contrato. É dicir cada día que pase sen adxudicar o servizo o Concello perde 1.666 euros ao día”.
Por parte da oposición, os concelleiros/as do grupo municipal socialista e os edís non adscritos María Dolores Fernández, Alfonso Rey, María González, Manuel Ferreiro, Emilio Martínez e Ramón García Argibay coincidiron en destacar que “a licitación deste servizo a dous anos non é a solución máis axeitada para o ciclo integral da auga”. Por outra banda, os concelleiros/as non adscritos Pilar Candocia, Olaia Alvite, Susana Mayo e Anxo Doval incidiron en que para eles “a mellor opción é a municipalización do servizo de saneamento e abastecemento”.
O rexedor municipal manifestou que “entendemos que a licitación a dous anos, cun ano máis de prórroga se fose necesario, é a mellor opción e está pensada para fomentar a concorrencia de varias empresas”. Ademais, engadiu que “a municipalización deste servizo non era posible, unha vez analizadas as diferentes opcións presentadas na comisión de saneamento e abastecemento”.
Despois de debater este tema, a corporación municipal rexeitou a proposta de licitar este servizo a dous anos, cunha posible prórroga doutro ano máis. A licitación deste servizo municipal foi rexeitado cos votos en contra dos concelleiros/as do grupo municipal socialista e dos edís non adscritos, mentres que os membros do grupo de goberno votaron a favor.
Mocións aprobadas
Ademais, aprobáronse catro mocións. Na primeira solicitábase que se estude a opción de facer unha variante ou un túnel no Milladoiro e acabar co problema do tráfico que circula pola avenida de Rosalía de Castro. Esta moción foi aprobada por unanimidade de todos os concelleiros/as.
Sobre este tema o alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que “dende o Concello de Ames trasladóuselle ao Ministerio de Fomento unha proposta feita pola Asociación de empresarios do polígono Novo Milladoiro para realizar un túnel na entrada desta localidade co obxectivo de mellorar a seguridade peonil e evitar a circulación de tráfico pesado polo Milladoiro”. Santiago Amor tamén apuntou que se “mantiveron contactos coa consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para tratar de desviar o tráfico pesado polo enlace Galanas – Pardiñas”.
O grupo municipal socialista presentou por vía de urxencia un moción para instar ao goberno central a convocar a celebración dun referendo no que a cidadanía española elixa libremente sobre o modelo de Estado e decida entre monarquía e república. Esta moción saíu adiante con 10 votos a favor, 5 votos en contar e 5 abstencións.
Por outra banda, os concelleiros/as non adscritos Pilar Candocia, Olaia Alvite, Susana Mayo e Anxo Doval presentaron por vía de urxencia dúas mocións. Na primeira solicitaban que despois da abdicación do rei se poida convocar un plebiscito no que os cidadáns e cidadás poidan decidir, nos próximos meses, sobre a forma de organización política do Estado, máis concretamente sobre a monarquía parlamentaria consagrada na Constitución de 1978 de xeito que, se esta é rexeitada, se inicie un proceso constituínte que regule a forma de organización política e territorial, salvagardando o dereito a decidir das persoas e dos pobos. Esta moción foi aprobada con 9 votos a favor, 5 votos en contra e 6 abstencións.
Na segunda moción presentada por vía de urxencia polos concelleiros/as non adscritos Pilar Candocia, Olaia Alvite, Susana Mayo e Anxo Doval instouse á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, para que non reduza o nivel de cobertura profesional da Unidade de Atención Primaria do Milladoiro, e manteña cando menos a dedicación das matronas a tempo completo para as mulleres adscritas a esta unidade. Tamén se solicitou que se manteña o grao de atención de enfermería, garantido a substitución dos profesionais en todo momento.




