Pestanas principais

Operarios especializados en traballos de altura limparon Pontemaceira

Venres, 31 de xullo de 2020

O Concello de Ames, xunto co de Negreira, vén de realizar traballos de conservación en Pontemaceira. O monumento, que ten 700 anos de antigüidade e que é un dos atractivos do Camiño de Santiago a Fisterra, foi obxecto durante tres días dunha minuciosa limpeza que requeriu de operarios especializados en traballos de altura. O obxectivo: darlle maior visibilidade e evitar que a vexetación que agroma de entre as pedras e os piares danen esta xoia do noso patrimonio, recentemente declarada “Ben de Interese Cultural”.

Os camiñantes que percorrían o Camiño de Santiago de Fisterra atopáronse estes días cunha imaxe inédita na Pontemaceira: homes pendurados de cordas, arrincando herbas e librando a ponte de refugallos. “Pouca máquina, traballo manual e desplome vertical”, deste xeito resume Jorge Abelleira, xardineiro e reponsable de “Abelleira Jardinería” de Ortoño, os traballos de limpeza e conservación que a súa empresa realizou en Pontemaceira. Seis operarios traballaron durante tres días na ponte. Unha boa parte deste traballo faise precisamente así: valéndose de arneses e cordas e limpando, practicamente a man a maleza que agroma de entre as pedras do monumento.

“A limpeza lévase a cabo de arriba abaixo e practicamente a man vanse arrincando as herbas. Non se pode facer doutro xeito, non se pode perforar porque danaríase a estrutura e mesmo correríase o risco de que se desprendesen pedras”, comenta Jorge, quen tamén explica que nos piares de suxeición adoitan nacer nacer árbores “aí si que metemos a máquina para cortar e deixar os tocóns porque se fósemos á raíz danaríamos a estrutura”. Para evitar calquera tipo de problema, a ramallada e as sácanse da ponte por riba a través dun sistema de poleas tirado por un pequeno tractor.

Cómpre salientar que os traballadores que se penduran da ponte, son traballadores cualificados que posúen formación e titulación para estes cometidos. O material empregado, cordas e arneses, pasa exhaustivos controis e desbótase á menor eiva para evitar problemas ou accidentes. Nos traballos de limpeza e conservación da ponte, atopáronse unha serie de refugallos que denotan unha total falta de respecto polo medio: “Atopamos botellas, latas, tubos de fontanería e un feixe de máscaras”, conta Jorge.

“Adoitamos facer esta limpeza en profundidade cada tres anos. Porén, todos os anos, as brigadas do Concello limpan as beiras e as marxes do río. Facémolo conxuntamente co concello de Negreira. A intención e preservar e conservar a ponte no mellor estado posible, pero tamén darlle mellor visibilidade”, declara o concelleiro de Obras, Blas García.

Pola súa banda, Manuel Lens, concelleiro de Transción Ecolóxica salienta o valor patrimonial e de atractivo turístico que ten Pontemaceira: “Os primeiros rexistros do monumento datan de 1371, é un referente no Camiño de Fisterra e ademais agora coa declaración BIC de Ben de interese cultural temos o compromiso e a obriga de tela nun estado óptimo”.

Historia e Estado de conservación
A ponte da Ponte Maceira conserva a estrutura clásica das pontes medievais, cun longo perfil alombado cara ao centro, cun arco apuntado e dous arcos de medio punto a cada un dos lados, de entre 6 e 14 metros de luz do arco central. No estribo esquerdo, no sentido das augas, existen dous arcos de carácter máis recente que teñen por obxecto facilitar o desaugamento. Os arcos están protexidos con potentes tallamares de perfil apuntado e remate en chanzos nos dous sentidos da corrente. A calzada ten un largo próximo aos 3 metros. Todo o percorrido da ponte e as zonas de acceso están protexidos cun peitoril de cantaría sobre un pavimento pétreo, todo de refeitura contemporánea xustificada tanto pola funcionalidade como pola integración material, dimensional e cromática coas estruturas históricas.

O estado de conservación da ponte, no relativo á súa estabilidade estrutural é bon. Os arcos manteñen unha traza homoxénea e sen apenas abombamentos ou inclinacións.  Na actualidade, a integración da ponte no ambiente é óptima, xa que os percorridos da calzada e dos peitorís se estenden cara as beiras, con accesos aos muíños e ao leito de grandes penedos de granito naturais que no tempo de augas baixas poden ser empregados como zonas de baño. O conxunto de bens compleméntase de forma harmoniosa e o lugar da Ponte Maceira destaca no percorrido da ruta do Camiño de Santiago cara a Fisterra e Muxía.

Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Tres días de limpieza manual y de altura eliminan la maleza de la estructura de Ponte Maceira"

Compostela 24 horas: "Operarios especializados en traballos de altura limparon Pontemaceira"

 

Traballos de altura en Pontemaceira

Multimedia

  • Os refugallos recollense a través de poleas desde o paso da ponte
  • Cordas e arneses
  • Traballo especializado
  • Ao fondo o río Tambre