[12-05-2016] Este venres, 13 de maio, unha técnica da ONG Médicos do Mundo impartirá, na Casa da Cultura do Milladoiro, unha charla a persoal técnico municipal e persoal dos centros sanitarios amesáns sobre a inmigración e o dereito a saúde. A concellaría de Sanidade e Servizos Sociais asinou un compromiso de colaboración con esta organización para a realización desta e doutra charla que tivo lugar a pasada semana, acerca da inmigración e do dereito á saúde.
A charla desenvolverase entre as 10:00 e as 12:00 horas, e estruturarase en dúas partes. A primeira teórica, na que a técnica de Médicos do Mundo falará acerca do dereito á saúde, en que se fundamenta este dereito segundo a ONG, ás vías de aceso á atención sanitaria que poden seguir as persoas inmigrantes en Galicia, así como os medios que se poden empregar para axudar e facilitar información a este colectivo.
Durante a segunda parte, máis práctica, o público poderá coñecer casos de persoas inmigrantes ás que axudou e asesorou a propia ONG Médicos do Mundo. A asistencia a esta xornada é libre e gratuíta.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Charla sobre dereitos dos inmigrantes dirixida ao persoal sanitario amesán"




