[07-02-2018] A Concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), oferta novamente o curso de monitora e monitor de tempo libre, homologado pola Xunta de Galicia. O curso, que se impartirá no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, desenvolverase ao longo das fins de semana de marzo, abril e maio, en horario de 09:00h a 14:00h e de 16:00h a 21:00 horas. Dirixido a persoas maiores de 18 anos en posesión do título de graduada en educación secundaria ou equivalente, o curso conta con 20 prazas dispoñibles, que se irán cubrindo por rigorosa orde de inscrición. O prazo para inscribirse permanecerá aberto do 8 ao 19 de febreiro. O curso ten un prezo de 172 euros por persoa. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e a ficha de inscrición do curso.
O Concello de Ames continúa na súa aposta de facilitar á mocidade amesá os recursos e ferramentas necesarias á hora de favorecer o emprendemento, promover a creatividade e impulsar as súas perspectivas de futuro tanto a nivel formativo como profesional. Con este obxectivo, a Concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), vén de organizar novamente o curso de monitora e monitor de tempo libre, que se desenvolverá no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, as fin de semanas de marzo, abril e maio.
A formación do curso estará divida en dous bloques: un primeiro de carácter teórico-práctico de 200 horas e un segundo integramente práctico de 150 horas. O primeiro desenvolverase ao longo de 21 xornadas, durante as fins de semana, cunha duración cada unha delas de entre 5 e 10 horas diarias, en horario de 09:00h a 14:00h e de 16:00h a 21:00 horas. O alumando só poderá faltar ao 20% do horario lectivo, non superando as 40 horas de ausencia. Unha falta de asistencia maior suporía un suspenso na parte teórico-práctica e, polo tanto, a imposibilidade de completar a formación.
Ao longo das xornadas que conforman o primeiro bloque impartiranse contidos relacionados con diferentes disciplinas, enfocados a ámbitos tan diversos como a animación deportiva, o xogo, a psicoloxía, a educación ambiental, a lexislación ou os recursos socioculturais, entre outros. A avaliación desta primeira parte basearase, alén de na asistencia, no grao de implicación no curso e no traballo personalizado e individual de cada persoa.
O segundo bloque, que estará conformado por 150 horas de prácticas en actividades de tempo libre supervisadas por unha titora ou titor, será realizado ao remate da parte teórico-práctica. Esta segunda parte contará con dúas modalidades de realización: 14 días de actividade intensa nunha actividade ao aire libre, que poderán estar agrupados en bloques non inferiores aos tres días, ou 150 horas en actividades cunha entidade que traballe no eido da educación no tempo libre. O alumnado dispón dun prazo de dous anos para realizar as prácticas, unha vez completada a primeira parte formativa. O curso, que terá unha duración total 350 horas, ten un prezo de 172 euros. O pagamento poderá ser fraccionado en dous prazos.
A metodoloxía empregada no curso caracterizarase polo dinamismo e a participación, buscando sempre a interacción co alumando e a participación do mesmo no seu proceso de aprendizaxe. A metodoloxía tamén terá un carácter eminentemente práctico, co obxectivo de que as persoas asistentes adquiran as competencias necesarias para o desenvolvemento de determinadas actividades. Así mesmo, ao longo do curso, faráselle entrega ao alumando de material que lle servirá como apoio didáctico e que complementará os contidos impartidos na aula.
Tramitación das inscricións
A inscrición realizarase por rigorosa orde de inscrición no rexistro municipal achegando a ficha de inscrición debidamente cumprimentada, unha fotografía recente, unha fotocopia do DNI e unha fotocopia da titulación académica esixida. O prazo de inscrición permanecerá aberto do 8 ao 19 de febreiro. Existen prazas limitadas. O curso só se realizará no caso de acadar as 12 persoas inscritas, existindo no total 20 prazas dispoñibles. O curso está homologado pola Xunta de Galicia.