[15-10-2016] A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Ames preparou para este trimestre diversas actividades dirixidas ao público infantil e xuvenil. No mes de novembro iniciaranse dous cursos, un de inglés e outro de dinamización infantil, retomarase o Concurso de Teatro Lido “Desata a lingua” na súa sexta edición e, a finais do trimestre, organizaranse dous obradoiros de circuítos e impresión en 3D.
O mes de novembro a OMIX pon en marcha varias actividades. A primeira delas é un curso de inglés, dirixido a persoas de 16 anos en adiante, e cuxo prazo de inscrición permanecerá aberto até o 24 de outubro. As clases centraranse na preparación do exame PET (Preliminary English Test) ou nivel B1 no marco europeo de linguas.
Tamén no mes de novembro dará comezo, o sábado 5, o curso de dinamización infantil no centro de formación de Aldea Nova. Dirixido a mozos e mozas interesados en facer da dinamización e a animación infantil e xuvenil a súa opción profesional, aprenderase a organizar eventos para estes públicos. A organización de actividades, xogos, obradoiros de globoflexia ou de maquillaxe son algúns dos contidos deste curso.
Asemade, un ano máis as concellarías de Mocidade, Normalización Lingüística e Comunicación organizan o concurso de Teatro Lido “Desata a lingua”. Neste certame participa o alumnado amesán dos cursos 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato. As persoas que integren os grupos participantes serán as encargadas de idear e redactar o guión, interpretalo e aderezalo coa música e os efectos sonoros precisos. O certame nace para promocionar o uso do galego, animar aos rapaces e rapazas a usar a súa imaxinación, fomentar a creatividade e achegalos a unha ferramenta como é a radio. Ames Radio retransmitirá as pezas, que se poderán enviar ata o 28 de outubro. A gala de entrega de premios terá lugar o 20 de decembro.
Por último, a finais deste trimestre, a OMIX porá en marcha dous obradoiros. O primeiro xirará en torno á electrónica: materiais condutivos, circuítos avanzados etc. O segundo centrarase na impresión en 3D. A Concellaría de Mocidade decidiu organizar estas actividades despois de constatar o seu éxito entre a rapazada en eventos anteriores. Ambos impartiranse nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Están dirixidos a rapazas e rapaces a partir de 12 anos. Publicarase máis información sobre estes cursos na páxina web do Concello de Ames.
Actividades organizadas pola OMIX
Ao longo do pasado curso a OMIX de Ames organizou numerosas actividades e cursos enfocadas a dinamizar á poboación xuvenil e infantil en distintos ámbitos: o lúdico, o educativo ou o profesional, por exemplo. Dende a Concellaría de Mocidade organizáronse obradoiros lúdicos, campamentos de verán nas Fragas do Eume e no parque de aventuras portugués Diverlanhoso, e outras saídas relacionadas coa natureza. Entre elas o programa “Vente de Finde” de surf e natureza ou a ruta nocturna en kaiak pola Fervenza do Ézaro.
A nivel educativo e formativo puxéronse en marcha programas de reforzo nos centros escolares públicos do Concello de Ames, dirixidos ao alumnado da ESO. Ademais organizouse o curso de monitor de tempo libre, que tivo unha gran acollida. A OMIX organiza tamén, cada ano, un programa de voluntariado xuvenil, no que oito mozos e mozas participan activamente no desenvolvemento de actividades municipais de lecer.




