Pestanas principais

A OMIX ofrece un curso de monitor de tempo libre no Centro de Formación de Aldea Nova a partir de marzo

Luns, 29 de febreiro de 2016

[29-02-2016] A concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil, oferta un curso de formación para monitores de tempo libre, impartido por instrutores da Escola Rural de Tempo Libre. O curso impartirase no Centro de Formación de Aldea Nova, situado na Rúa Costaneira número 2, as fines de semana comprendidas entre os días 19 de marzo e o 15 de maio. O prazo de inscrición remata o día 12 de marzo, sendo necesarias 15 inscricións como mínimo para que o curso se leve a cabo e ofertándose un máximo de 25.

Poden inscribirse neste curso persoas maiores de 18 anos que estean en posesión, como mínimo, dun título de graduado da ESO ou equivalente. Para realizar a inscrición deberase axuntar á copia do título outra do DNI, a folla de inscrición debidamente cuberta e unha fotografía recente. A folla de inscrición pódese obter premendo á túa dereita, baixo o apartado de descargas. Toda a documentación para solicitar praza debe entregarse nas Oficinas de Rexistro municipal, reservándose as prazas por orde de chegada. O prazo de inscrición remata o día 12 de marzo, sendo necesarias 15 inscricións como mínimo para que o curso se leve a cabo e ofertándose un máximo de 25. O prezo do curso é de 172 euros a pagar en dous prazos.

A formación repartirase en dous bloques; un primeiro teórico-práctico de 200 horas e un segundo completamente práctico de 150 horas. O primeiro bloque desenvolverase as fines de semana comprendidas entre o sábado 19 de marzo e o domingo 15 de maio. As 200 horas dividiranse en xornadas de 10 horas cada unha, en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. O curso permite aos asistentes faltar ao 20% do horario lectivo, é dicir a 40 horas. Unha falta de asistencia maior implicaría o suspenso na parte teórico-práctica e a imposibilidade de completar a formación.

Ao longo das xornadas teórico-prácticas impartiranse cursos relacionados con diversas disciplinas e enfocados en ámbitos diversos como a animación deportiva, o xogo, a psicoloxía, a educación ambiental, lexislación ou recursos socioculturais, entre outros. Ao remate desta parte os e as asistentes terá 15 días para preparar varios ficheiros que deberán entregar para completar a súa formación. O segundo bloque, consistente en 150 horas de prácticas en actividades de tempo libre supervisadas por un titor, poderase realizar ao longo dos dous anos que suceden á obtención do título.

Este tipo de cursos buscan aumentar a formación, sobre todo, da xente nova, abríndolles novas portas do mercado laboral. O curso de monitor de tempo libre trata de capacitar ao alumnado para a organización de actividades de para o tempo libre ou socioculturais, orientadas á infancia, á mocidade, aos maiores ou a persoas con necesidades especiais. Para obter máis información pódese enviar un correo ao enderezo da OMIX, omix@concellodeames.gal, ao da propia Escola Rural de Tempo Libre, escolaruraldetempolibre@gmail.com ou chamar ao teléfono de atención da OMIX 616 083 229.