[24-06-2016] A pasada semana remataron dúas das actividades organizadas pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Ames: un curso de reforzo para estudantes de 1º e 2º da ESO e as aulas de inglés enfocadas á obtención do certificado Preliminary English Test (PET). A ambos súmaselles o curso de monitor de tempo libre, cuxas clases teóricas finalizaron o pasado mes de maio, e cuxo alumnado comezará a realizar as prácticas formativas. En total en torno a 130 rapaces e rapazas formáronse a través de actividades da OMIX esta primavera.
Ao curso de monitor de tempo libre, cuxas clases teóricas impartiu a Escola Rural de Tempo Libre, acudiron 22 alumnos e alumnas. Terán até dous anos para completar a súa formación a través de prácticas titorizadas. Algúns deles e delas poderanas facer no propio concello, participando nos campamentos de verán ou mesmo na propia Escola de Verán.
O estudantado dos IES de Ames e do Milladoiro recibiu o apoio de docentes contratados pola OMIX nas aulas de reforzo, dirixidas a rapaces e rapazas de 1º e 2º da ESO. Entre o mes de xaneiro e até o 17 de xuño impartíronse cada semana catro horas, en total, de formación en cada centro educativo. O alumnado que acudiu as aulas puido escoller entre as clases de reforzo para materias na área de Letras, na que se apuntaron 41 participantes, ou na de Ciencias, na que o fixeron 37.
As aulas de reforzo foron concibidas para acompañar aos rapaces e rapazas nos seus estudos axudándoos naquelas materias onde se atopaban con maiores dificultades, completando lagoas de coñecemento, repasando con eles e elas contidos traballados nas clases. Naqueles casos nos que sexa necesario procúrase tamén facilitar a recuperación de destrezas instrumentais básicas, que poden dificultar enormemente ao alumnado atender as clases diarias. Todo isto acompañado de consellos para obter un maior rendemento das horas adicadas ao estudo.
Dende a concellaría de Mocidade incídese na importancia de acompañar aos e ás estudantes que dan o salto da Educación Primaria á Secundaria. Destacan ademais a importancia de establecer, nesta etapa, uns hábitos de traballo e un ritmo diario de estudo. Estas actividades serven tamén para prever comportamentos relacionados co fracaso ou o abandono escolar.
Finalmente, a concellaría puxo en marcha, dende o pasado mes de outubro, un novo curso de inglés para a obtención do certificado Preliminary English Test (PET). Este certificado está recoñecido a nivel mundial, tanto no sector académico como no profesional. Equivale ao nivel B1 do Marco Europeo Común de Referencia de Linguas Europeas, o solicitado hoxe en día nas carreiras universitarias. As clases impartíronse na Casa da Cultura de Bertamiráns, os martes e os xoves, e na do Milladoiro, os mércores e os venres.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "La oficina local de información formó a 130 jóvenes amienses"
El Correo Gallego: "A OMIX formou a 130 rapaces amienses en aulas de reforzo, monitor de tempo libre e inglés"




