Pestanas principais

A OMIX e a Aula da Natureza organizan unha fin de semana de natureza e surf na praia de Razo

Mércores, 04 de abril de 2018

[04-04-2018] “Vente de finde” é o nome baixo o cal se presenta a actividade organizada pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) en colaboración coa Aula da Natureza de Ames, para a fin de semana do 27 ao 29 de abril. A actividade, que estará baseada no contacto coa natureza e na práctica do surf, desenvolverase na praia de Razo, no concello de Carballo. Dirixida a mozas e mozos entre os 13 e os 18 anos, a saída incluirá tamén unha visita guiada á lagoa de Baldaio. O prezo da actividade é de 78 euros por persoa. Para participar é preciso inscribirse, entre o 4 e o 13 de abril, entregando o formulario de inscrición, debidamente cumprimentado, nos rexistros municipais da Casa do Concello, do Pazo da Peregrina ou das oficinas municipais do Milladoiro. Xunto ao formulario de inscrición, tamén deberán ser entregadas unha fotocopia do DNI, unha fotografía recente e un certificado médico, no caso de padecer enfermidades que se deban ter en conta. Para obter máis información, pódese chamar aos números de teléfono 616 083 229 ou 660 004 665 ou enviar un correo aos enderezos omix@concellodeames.gal ou auladanatureza@concellodeames.gal. Premendo a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o formulario de inscrición desta actividade.

“Vente de finde” é un programa que busca pór en valor diferentes actividades lúdicas e ambientais, co obxectivo de fomentar a participación e de promover o respecto pola natureza no tempo de lecer da mocidade do concello. Así mesmo, mediante esta saída, organizada polo Concello de Ames, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) e da Aula da Natureza, procúrase dotar ás mozas e mozos amesáns das ferramentas precisas para traballar a súa autonomía e independencia mediante a cooperación, o respecto e ao achegamento ao medio natural.

A actividade realizarase na comarca de Bergantiños, especificamente na praia de Razo, en Carballo, un dos destinos de surf e natureza máis importantes de Galicia, ao pé da cal estará situado o albergue no que se hospedarán as mozas e mozos participantes. A actividade, que está dirixida a rapazas e rapaces entre os 13 e os 18 anos de idade, desenvolverase entre o 27 e o 29 de abril. A saída, que será en autobús, producirase tanto desde O Milladoiro como desde Bertamiráns. 

No total, ofértanse 30 prazas, das cales deberanse cubrir un mínimo de 15 para que a actividade se leve a cabo. O custo por persoa é de 78 euros, o que inclúe os gastos de desprazamento, o aloxamento en réxime de pensión completa e a realización das actividades. Non obstante, as mozas e mozos participantes deberán levar a cea do primeiro día.

Tramitación das inscricións
O prazo para a presentación do formulario de inscrición permanecerá aberto entre o 4 e o 13 de abril. Xunto ao formulario, tamén deberán ser entregadas unha fotocopia do DNI, unha fotografía recente e un certificado médico, no caso de padecer enfermidades que se deban ter en conta. A documentación deberá ser entregada nos rexistros municipais da Casa do Concello, do Pazo da Peregrina ou das oficinas municipais do Milladoiro, de luns a venres, de 09:00h a 14:00 horas.

As prazas entregaranse por rigorosa orde de inscrición, tendo en conta os criterios establecidos nas bases da actividade. A listaxe de persoas admitidas e excluídas publicarase unha vez rematado o prazo de inscrición. Entre o 17 e o 20 de abril, as rapazas e rapaces admitidos deberán efectuar o pagamento da actividade (autoliquidación).

As bases e o impreso de inscrición pódense atopar no Departamento de Medio Ambiente, situado na Casa do Concello, e na OMIX de Ames, os martes e os venres, na Casa da Cultura do Milladoiro, e os luns, os mércores e os xoves na Casa do Concello. De igual maneira, tamén é posible descargar a documentación no apartado de descargas desta nova e na sección de Avisos da páxina web municipal. Para obter máis información, pódese chamar aos número de teléfono 616 083 229 ou 660 004 665 ou enviar un correo aos enderezos auladanatureza@concellodeames.gal ou omix@concellodeames.gal.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Programa formativo amesán para favorecer o emprendemento xuvenil"
Ames Go: "OMIX e Aula da Natureza ofrecen un finde de surf e aventura á mocidade de 13 a 18"