[01-03-2016] Os IES de Ames, en Bertamiráns, e do Milladoiro, recibiron esta mañá a visita dun grupo de rapaces da Vella Escola, unha agrupación que ofrece obradoiros e mostras de distintas artes urbanas, e que fixeron unha pequena mostra no recreo dunha das disciplinas que dominan: o break dance. Queren animar así aos rapaces e rapazas de Ames a participar nos obradoiros que se organizarán nas Casas da Cultura en canto haxa un grupo de 10 ou máis alumnos ou alumnas dispostos a probar. As clases son gratuítas e o formulario de inscrición pódese obter premendo á dereita, baixo o apartado de descargas.
Ás 10:30 horas, despois de que soe o timbre do primeiro recreo, aparecen os estudantes do IES de Ames. Congréganse no vestíbulo en torno a un grupo de seis rapaces, que en canto comeza a soar a música lánzanse a mostrar distintos ritmos e movementos. A cada movemento sucédeno expresións de admiración e aplausos do público.
Algúns dos rapaces e rapazas que se achegan á saudalos depois da actuación explican que xa fixeron algúns dos obradoiros de break-dance que organizou a OMIX de Ames, e que están dispostos a repetir. Outros afirman que, aínda que lles gustaría, parécelles moi complicado debido á súa falta de forma física. Un dos rapaces da demostración replícalles que se trata máis de "constancia, de practicar día a día e de ir probando". Para Silvia Dapena concelleira de mocidade de Ames, as mostrar son unha das mellores formas de que os rapaces e rapazas se animen a probar o break-dance. Trala mostra o grupo de Vella Escola trasládase ao IES do Milladoiro, para repetir exhibición durante o recreo das 12:30 horas.
A OMIX volta oferta estas clases que terán lugar ao longo de tres meses de aprendizaxe intensiva. A propia OMIX avisará aos mozos e mozas matriculados en canto se rexistre o número necesario de prazas, 10, para comezar os cursos. Poden inscribirse neles alumnos e alumnas da ESO de 12 anos en adiante. As clases das martes impartiranse na Casa da Cultura de Bertamiráns, de 18:30 a 20:00 horas, e as dos xoves na Casa da Cultura do Milladoiro, no mesmo horario.
Para máis información pódese enviar un correo electrónico ao enderezo
omix@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 616083229.