Pestanas principais

A OMIX abre o prazo de inscrición para participar no curso de dinamización de eventos infantís

Luns, 17 de outubro de 2016

[17-10-2016] A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) organiza para o próximo sábado, 5 de novembro, un curso de dinamización de eventos infantís, que se desenvolverá no centro de formación de Aldea Nova. As inscricións poderán tramitarse entre o 17 e o 28 de outubro. Trátase dun curso gratuíto de 10 horas de formación para poder desenvolver actividades de entretemento e dinamización infantil durante o tempo de lecer dos nenos/as. Esta actividade está dirixida aos mozos e mozas maiores de 18 anos. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición.

O curso de dinamización de eventos infantís será impartido por unha escola de tempo libre nas instalacións do centro de formación de Aldea Nova (Bertamiráns). Trátase da terceira edición que se organiza no concello de Ames. As dúas anteriores desenvolvéronse o ano pasado cun gran éxito de participación. Será unha sesión única que se desenvolverá o sábado, 5 de novembro, en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas.

En total son 10 horas de formación na que os participantes verán diversos contidos. Este curso recolle unha formación complementaria para monitores e para todas aquelas persoas interesadas en formarse no tempo libre. O curso está orientado á animación de eventos (maquillaxe, globoflexia xigante de decoración, globoflexia infantil, animación de eventos infantís como festas de cumpreanos, vodas, comuñóns, etc.

Trátase dun curso gratuíto no que as persoas participantes adquirirán unha formación específica en técnicas de animación e dinamización infantil para o tempo de lecer dos nenos/as. Hai dispoñibles un total de 20 prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Terán preferencia á hora de realizar este curso as persoas que estean empadroadas no concello de Ames. Para que se realice este curso ten que haber un mínimo de 15 inscritos/as.

Ás persoas que completen esta actividade de forma correcta entregaráselle un certificado de asistencia. Para participar hai que cubrir a ficha de inscrición e enviala xunto coa fotocopia do DNI ao enderezo de correo electrónico omix@concellodeames.gal. Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 616 083 229.