[01-06-2016] “Shakespeare para ignorantes”, a obra que se representará este venres, 3 de xuño, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, comeza coa aparición no escenario dun mestre. Este desexa ilustrar ao seu público, cunha obvia carencia de coñecementos literarios, acerca da carreira do gran escritor William Shakespeare. Para isto contrata a dous actores desempregados: Mofa e Befa.
Na Casa da Cultura de Bertamiráns desvelaranse detalles e curiosidades da obra de William Shakespeare. Mofa e Befa recuperan os detalles, as escenas do universo shakespereano esquecidas polo público. Os dous cómicos vestiran a pel desas personaxes marxinadas nas obras do escritor inglés: bufóns, xuíces ou torturadores cobrarán protagonismo nesta peza. Detrás das historias das peores vilanías, das risas máis frías e crueis ou dos fracasos máis soados o público atopará consellos e ideas para usar no seu día a día.
As entradas para a obra xa se poden adquirir na Billeteira electrónica municipal, a un prezo de 5 euros a xeral e 2 euros a reducida. Poden mercar entradas reducidas as persoas menores de 12 anos, maiores de 65 e os estudantes con carné. Unha hora antes do comezo da obra abrirase a billeteira da Casa da Cultura de Bertamiráns, na que tamén se porán a venda entradas para este espectáculo.




