[19-09-2016] A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu un novo Encontro Intercultural este sábado, 18 de setembro. A partir das 17:00 numerosos veciños e veciñas achegáronse até o centro sociocultural para degustar sabores traídos a Galicia por familias de oito países diferentes: Venezuela, Colombia, Brasil, República Dominicana, Guatemala, México, Angola e Marrocos. A xuntanza coincidiu coa clausura da exposición “Galicia-Cabo Verde:unha irmandade” para a que actuaron as doce mulleres caboverdianas, veciñas de Burela, do grupo Batuko Tabanka. As concelleiras Isabel González e Luísa Feijóo despediron a tarde agradecendo a participación, festexando a volta dos encontros e manifestando o seu desexo de que se sigan levando a cabo “independentemente dos distintos gobernos municipais”.
Ás 17:00 horas do sábado 18 comezaron a chegar as primeiras persoas á Casa da Cultura do Milladoiro. As mesas xa estaban dispostas, repletas de viandas, na entrada, na aula de usos múltiples e no primeiro andar. Sobre elas colocáronse os pratos que aportaron oito familias residentes no municipio amesán, todas elas chegadas de países diferentes. Os alimentos que cociñaron presentaban as súas nacionalidades e través dos sabores e cheiros de especias e ingredientes diferentes. Arepas, bolos feitos con fariña de maíz, e pan de xamón de Venezuela. Tostadas mexicanas. Pastelón de plátano preparado cunha receita da República Dominicana. Pan de queixo e doces brasileiros, peipán e rellenitos de Guatemala, tamales preparados ao xeito colombiano. E, para rematar a comida, té e pastas marroquís; galletas feitas con mel, froitos secos e sementes de sésamo.
Das 17:00 ás 19:00 a tarde avanzou con conversas entre prato e prato. Preguntas sobre as receitas e os xeitos de preparar os alimentos ás familias que os aportaron. Ademais da degustación ese sábado o público tivo a oportunidade de contemplar a exposición “Galicia-Cabo Verde: unha irmandade”, no seu derradeiro día no centro sociocultural. A colección de fotografías foi cedida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ao Concello de Ames. As imaxes foron tomadas polo ferrolán Robert Amado ao longo da súa estadía en Cabo Verde. A actuación das Batuko Tabanka, xa anunciada nos carteis do Encontro, foi lembrada ao público. Case todas as persoas participantes permaneceron no centro sociocultural e algunhas máis chegaron para escoitar os cantos destas doce mulleres, todas elas caboverdianas, que fai moitos anos emigraron a Burela, onde hoxe viven.
O auditorio do Milladoiro encheuse e o público respondeu con numerosos aplausos á actuación das Batuko, convidadas polo Fondo Galego de Cooperación para despedir o traslado da mostra fotográfica. A actuación, declarou a concelleira Luísa Feijóo, “non podería coincidir mellor”. Recalcou que as letras das Batuko “relatan á perfección as vidas e os sentimentos das persoas que emigran, ademais da vida da muller do mariñeiro”. A presentación correo a cargo de Leonardo Pena, técnico do servizo de Atención ao Migrante, o técnico delegado do Fondo Galego de Cooperación, Roberto Mansilla, e a técnico municipal de turismo, Sonia Moure. Esta última viaxará o vindeiro mes até Cabo Verde, no marco dun programa do propio Fondo que busca potenciar o turismo no arquipélago caboverdiana. A técnico aproveitou a ocasión para agradecer ao Concello de Ames o axudala a participar deste proxecto.
Para despedir a xornada do sábado interviron ante o público do auditorio as concelleiras de Promoción Económica e Participación Veciñal, Isabel González, a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo. A concelleira Isabel González despedía o Encontro Intercultural do sábado recalcando a súa importancia. Ademais de agradecer a participación das oito familias que cociñaran pratos para partillar co público reclamou que se seguira celebrando e que “por encima de calquera goberno, este evento debería manterse”. Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais quixo agradecer “ao persoal municipal todo o seu traballo, pois eles son os que fan estes encontros posibles”.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ocho países en el Encontro Intercultural de Milladoiro"