Pestanas principais

Oito actividades compoñen o cartel do programa Apego para este trimestre

Mércores, 21 de outubro de 2020

Contos, música e maxia. Oito actividades compoñen a programación infantil con Apego para o último trimestre do ano 2020. A primeira delas terá lugar o xoves, 29 de outubro, ás 18:00 horas, na Casa de Cultura do Milladoiro co contacontos Caxoto e os seus “Contos de medo que deixan durmir”. Para todos os eventos precísase inscrición previa que se fará enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. Para esta primeira comeza hoxe e remata o 28 de outubro. No caso de que a situación sanitaria impedise a celebración presencial, parte das actividades realizaríanse virtualmente seguindo o mesmo procedemento de inscrición.

“Contos de medo que deixan durmir”, a primeira das actividades propostas polo programa Apego para este trimestre que trae ao Milladoiro a Caxoto contacontos, ofrecerá recursos para que os nenos e as nenas aprendan a afrontar o medo, a rirse del, a sacarlle proveito e a transformalo nunha porta cara a un mundo cheo de emocións e de fantasía. O prazo de inscrición abrangue desde hoxe, 21 de outubro até o 28 do mesmo mes.No caso de que a situación sanitaria impedise a celebración presencial, esta actividade realizaríase virtualmente para as familias inscritas.

“Contos do chupete” estará no Pazo da Peregrina o venres, 6 de novembro ás 18:00 horas. A proposta convida ás crianzas a “chuchar contos, cancións e arrolos até encher a barriguiña”, en verbas da contadora Bea Campos, protagonista do espectáculo. Nesta ocasión, a proposta é para bebés de 0 a 3 anos e integra xogos, música en directo, expresión dramática e tradición oral. A inscrición abrirase o 29 de outubro e rematará o 5 de novembro.

Radio Bulebule de Paco Nogueiras chegará á Casa da Cultura do Milladoiro o venres, 13 de novembro, ás 18:00 horas. A función, dirixida a público familiar, artéllase en torno a un divertido programa de radio con cancións e bailes en directo. A inscrición pode facerse entre os días 5 e 12 de novembro.

A Cova das Letras presentará o venres, 20 de novembro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns “Polo camiño, contos da feira", un espectáculo de contos, cantos e monicreques que achegará as familias á cultura popular a través de personaxes como Pepa das mulas ou o vendedor de tarabelas. Este espectáculo chega a Ames da man do programa “FalaRedes” da Xunta de Galicia. As inscricións podense facer desde o 12 ao 19 de novembro.

“O berce das verbas” é o título co que Caxoto Contacontos repite presenza na programación de Apego de outono. Trátase dun espectáculo de imaxe, voz e música co que se pretende acompañar ás crianzas “nos momentos previos ao sono e aos soños”, segundo manifesta o seu autor. Está dirixido a nenos e nenas de entre 1 e 4 anos. A inscrición ábrese o 19 de novembro e péchase o 26 do mesmo mes.

E o xoves, 17 de decembro, repite Caxoto no Pazo da Peregrina, nesta ocasión co espectáculo “Un corazón a flor de pel”. Nesta ocasión, o contador propón unha viaxe pola intelixencia emocional con contos para aprender a escoitar o corazón, a xestionar as emocións e a pensar en positivo. As inscricións comezan o 9 de decembro e rematan o 16 do mesmo mes.

A maxia inundará a Casa da Cultura de Bertamiráns o luns 21, a partir das 18:00 da tarde. Dani Polo ofrecerá un espectáculo de maxia didáctico e participativo a través do que as familias terán a oportunidade de descubrir o poder máxico da lingua. As datas para este evento, que está dirixido a un público familiar, sitúanse entre o 11 e o 18 de decembro.

A programación infantil deste trimestre pecha con “Galitoon”

A programación infantil deste trimestre pecha con “Galitoon”, unha proposta do Departamento de Cultura que nos leva até un circo que presenta unha mosca e que se artella a través dun armario que agocha tralas súas portas fantásticos números. As familias que deseen asistir a este espectáculo deberá retirar a entrada na Billeteira do Concello de Ames.

Para a  concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, a resposta que as familias están a dar cando o seu departamento propón unha actividade con Apego,  fala moito da saúde lingüística da nosa veciñanza: “Prodúcenos moita satisfacción que cada vez que abrimos a inscrición para calquera das actividades do Apego, e malia os tempos difíciles que estamos a vivir, as prazas se cubran inmediatamente”. A concelleira gaba a programación proposta para estes tres meses: “É ampla e variada e vai facilitar moitas ferramentas e moitos recursos para que as familias continúen a enriquecer o idioma e o xeito de transmitilo no tempo da crianza”.

O programa Apego naceu coa vocación de transmitir o galego e axudar á socialización a través do idioma na época da crianza. Está dirixido a nenos e nenas de 0 a 6 anos e ofrece información e recursos, tanto virtuais como físicos, ás familias, aos meniños e meniñas e aos profesionais. Desenvólvese en arredor de 30 concellos galegos, entre eles o de Ames. O programa ten unha grande aceptación no noso concello e as prazas para as actividades adoitan esgotarse enseguida.

Cartaz de Apego para o último trimestre de 2020