Pestanas principais

Oîma gaña a primeira edición do festival folk de artistas emerxentes Val da Maía

Luns, 23 de maio de 2016

[23-05-2016] O Festival Folk de Artistas Emerxentes Val da Maía celebrouse este sábado pasado por vez primeira. A súa estrea coincidiu cun día de chuvia, o cal non impediu que bailadoras, bailadores e persoas amantes da música folk se arrexuntaran baixo unha carpa colocada ao carón do Pazo da Peregrina. Tocaron, por orde, Zoelas, Carricobanda e Oîma e estes últimos convertéronse, por decisión do xurado, nos gañadores do festival. Os DAbaixo despediron unha noite conducida polo monologuista amesán Manolo Boquete.


O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e un dos membros da produtora Carpe Diem Galicia, encargada de organizar o evento, Ramón Feáns, agradecéronlle a todas as persoas que se achegaron a Bertamiráns o sábado que así o fixeran, “a pesar do mal tempo”. Coincidían ambos na boa acollida deste festival “maila a súa recente creación”, o cal da pé a que se continúe celebrando nos vindeiros anos. Ramón Feáns aseguraba así mesmo que a calidade dos tres grupos finalistas fai crer que “o legado da música folk no noso país está asegurado”.

Manolo Boquete foi o encargado de presentar e levar o fío condutor do festival. O monologuista introduciu aos grupos a medida que subían ao escenario: Zoelas primeiro, seguido da Carricobanda e de Oîma. Boquete animou a pausa tralas actuacións, mentres o xurado deliberaba para elixir o gañador. Finalmente, o grupo Oîma foi o gañador desta primeira edición do festival folk. Tras a actuación dos grupos finalista foi a quenda do grupo convidado, Os D'Abaixo, que animou a festa ata o remate.

O grupo gañador naceu a partir dos encontros de tres amigos que coinciden na veciña Compostela nos seus estudos. A violinista Antía Ameixeiras, a clarinetista Olalla Liñares e o acordeonista Martiño Senande son os tres compoñentes de Oîma, cuxa andaina musical comezou este ano en Santiago.

Deles destacou o xurado o arriscado da súa aposta, con arranxos e composicións propias, e a calidade da execución instrumental, que segundo os seus tres membros, Aitana Cuétara, Óscar Losada e Roberto Rama, non deixaba translucir a súa xuventude. Os membros da Carricobanda quedaron segundos neste certame, e as cantareiras de Zoela en terceira posición.