[15-10-2012] A Oficina do Voluntariado de Ames (OVA) vén de poñer en marcha unha nova edición do curso de castelán dirixido a estranxeiros residentes no municipio. O curso, que se levará a cabo na Casa da Cultura de Bertamiráns, comeza o vindeiro martes, 23 de outubro, e estenderase ata o mes de xuño. O prazo de inscrición aínda está aberto ata finais de mes. Para responder a calquera tipo de dúbida ou solicitar a asistencia, as persoas interesadas dispoñen do teléfono 981 883 703 no que obterán toda a información necesaria do curso.
Este obradoiro organízase co obxectivo de dar resposta ás necesidades específicas das persoas que veñen vivir ou traballar ao concello dende outros países estranxeiros. Así, poderán aprender o básico da lingua castelá, para que lles sexa máis fácil integrarse na nosa comunidade. As clases impartiránse na Aula de usos múltiples da Casa da Cultura de Bertamiráns os martes e os xoves en horario de 12:00 a 13:30 horas.
A encargada de impartir as clases de castelán será unha profesora voluntaria da OVA, Matilde Fernández. A mestra non só ofrecerá leccións teóricas senón que a práctica será parte importante na aprendizaxe. Existe unha gran diversidade entre o alumnado que cada ano participa neste curso. Houbo alumnos/as de diferentes nacionalidades como Brasil, Marrocos, Corea, etc.
Neste curso séguese un programa de traballo axeitado aos coñecementos de cada alumno/a. Durante as primeiras sesións o alumnado aprende o vocabulario necesario e básico para utilizar o castelán. De seguido comézase coas nocións de expresión oral e gramática, para ir subindo, deste xeito, o seu nivel de coñecemento do idioma, e conseguir, ao final do curso, un nivel suficiente para comunicarse coa comunidade.
Para responder a calquera tipo de dúbida ou solicitar a asistencia, as persoas interesadas dispoñen do teléfono 981 883 703 no que obterán toda a información necesaria do curso. Se o prefiren, poden presentarse na Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 10:00 h a 14:00 horas para formalizar a súa inscrición.