[30-03-2013] O Concello de Ames, a través da Oficina do Voluntariado de Ames (OVA), vén de poñer en marcha unha nova edición do curso de castelán dirixido a estranxeiros residentes no municipio. O curso, que se levará a cabo na Casa da Cultura do Milladoiro, impártese para dous grupos diferentes. Os luns e mércores asisten ás clases as persoas que están no grupo de iniciación, mentres que o venres é a quenda do alumnado que asiste ás clases de avanzado. O prazo de inscrición aínda está aberto para todas aquelas persoas que desexen acudir a estes cursos. Para responder a calquera tipo de dúbida ou solicitar a asistencia, as persoas interesadas poden chamar ao número 662 377 044 no que obterán toda a información necesaria do curso. Tamén poden enviar un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.org.
Este obradoiro organízase co obxectivo de dar resposta ás necesidades específicas das persoas que veñen vivir ou traballar ao concello dende outros países estranxeiros. Así, poderán aprender o básico da lingua castelá, para que lles sexa máis fácil integrarse na nosa comunidade. As clases impartiranse na Casa da Cultura do Milladoiro os luns e os mércores en horario de 10:00 a 11:30 horas. As clases do nivel de iniciación comezarán o vindeiro luns 1 de abril.
Por outra banda, dende o pasado 22 de marzo xa están impartindo as clases de nivel avanzado. Os usuarios que están neste grupo xa asistiron a este curso en edicións anteriores e teñen un maior coñecemento da lingua castelá que os seus compañeiros de básico. As clases de avanzado tamén se imparten na Casa da Cultura do Milladoiro, pero os venres en horario de 16:30 h a 18:00 horas.
A encargada de impartir as clases de castelán é unha profesora voluntaria da OVA, Matilde Fernández. A mestra non só ofrecerá leccións teóricas senón que a práctica será unha parte importante na aprendizaxe. Existe unha gran diversidade de nacionalidades entre o alumnado que cada ano participa neste curso.
Neste curso séguese un programa de traballo axeitado aos coñecementos de cada alumno/a. Durante as primeiras sesións o alumnado aprende o vocabulario necesario e básico para utilizar o castelán. De seguido comézase coas nocións de expresión oral e gramática, para ir subindo, deste xeito, o seu nivel de coñecemento do idioma, e conseguir, ao final do curso, un nivel suficiente para comunicarse coa comunidade.
Para responder a calquera tipo de dúbida ou solicitar a asistencia, as persoas interesadas dispoñen do teléfono 662 377 044 no que obterán toda a información necesaria do curso. Se o prefiren, poden presentarse na Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 10:00 h a 14:00 horas para formalizar a súa inscrición. Tamén poden enviar un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.org




