Pestanas principais

A Oficina de Voluntariado do Concello de Ames (OVA) e “Vivo en Ames” buscan trasnos para a campaña de agasallos deste Nadal

Sábado, 29 de outubro de 2016

[29-10-2016] A Oficina de Voluntariado de Ames e a Asociación de Veciños “Vivo en Ames” andan na procura de trasnos para este Nadal. Persoas voluntarias que desexen formar parte da iniciativa “Zocos e trasnos”, para achegar un agasallo de Reis a aquelas nenas e nenos cuxas familias atravesen un momento de dificultades económicas. Os trasnos serán as persoas encargadas de aportar os regalos, coa condición de que estes non sexan de carácter bélico ou sexista. Está campaña que comezou hai escasos días está tendo un grande éxito e xa conta con preto de 50 trasnos.

Co Nadal cada vez máis preto a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) e a Asociación Veciñal “Vivo en Ames” unen forzas para poñer en marcha a campaña “Zocos e trasnos”. Nesta iniciativa os zocos, ou zocas, son aqueles nenos e nenas de 0 a 14 anos cuxas familias pasan por un momento de dificultades económicas. Por outra banda os trasnos son aquelas persoas adultas que se prestarán a axudalas mercando un agasallo de Nadal. Para transformarse neste animal mitolóxico non será preciso un disfrace, dentes afiados ou orellas en punta. Só boa vontade e compromiso de cara aos zocos e zoas. Aqueles e aquelas interesados xa se poden apuntar dende este mes de outubro.

A organización desta iniciativa será a encargada de recoller as cartas de Reis que escribirá a rapazada. Estas listas chegarán aos trasnos a través dun correo electrónico, dunha mensaxe ao móbil ou en man acompañados dun código identificativo do neno ou nena (non se darán nomes nin apelidos). Neste momento comeza a misión do trasno, que deberá escoller un dos regalos escritos na lista. Para isto deberá respectar tres condicións: o agasallo non pode superar os trinta euros de custe, non será de tipo bélico ou con compoñentes sexistas. Unha vez escollido e envolto o trasno deberá levalo a un dos puntos de recollida que se instalarán polo municipio de Ames. Os agasallos doados polos trasnos clasificaranse e entregaranse ás familias para que estas os coloquen nos seus fogares na mañá de Reis.

Para formar parte de “Zocos e trasnos” as persoas interesadas poden apuntarse chamando ao teléfono da OVA, 662377044 ou da Asociación Veciñal “Vivimos en Ames”, 687054635, enviar un correo electrónico ao enderezo zocosetrasnos@gmail.com, mandar unha mensaxe privada ás páxinas de Facebook da OVA ou ben de “Vivimos en Ames”, ou solicitalo de forma presencial na oficina da OVA, situada na Casa ad Cultura de Bertamiráns.

Coa colaboración da institución municipal e da asociación veciñal faise realidade en Ames unha iniciativa que xa se vén levando a cabo noutros concellos galegos, se ben con outros nomes e de formas diferentes. Todos estes proxectos teñen un obxectivo común: que non haxa nenas ou nenos galegos aos que lles falte un agasallo polo Nadal.