Pestanas principais

A Oficina de Voluntariado de Ames segue ofrecendo diversos servizos durante o verán

Martes, 23 de agosto de 2011

[23-08-2011] Parte das actividades que desenvolve a Oficina de Voluntariado do Concello de Ames remataron coa chegada da época estival e non volven a comezar ata o mes de novembro. Pero hai outras que son precisas manter durante estes meses de verán, como o apoio escolar para nenos e nenas en desvantaxe social, o proxecto do roupeiro municipal e o programa de acompañamento a persoas maiores e/ou persoas con discapacidade. Dende a Concellaría de Deportes, Tempo libre e Voluntariado estase a traballar na confección dos programas e proxectos que se porán en marcha no próximo mes de novembro. De cara ao vindeiro curso desenvolveranse actividades novas actividades como un obradoiro de música en movemento para persoas maiores ou cursos de inglés básico.


Aumento na oferta de servizos e programas

Desde a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), que se encadra na Concellaría de Deportes, Tempo libre e Voluntariado, estase a traballar na confección dos programas e proxectos que se porán en marcha no próximo mes de novembro e que esta ano terán un aumento na súa oferta, xa que ademais das actividades que se veñen desenvolvemento na última etapa, incluiranse outros novos, como son os cursos de inglés para maiores e nenos, cunha duración duns 3 meses e un total de 12 clases, ou porase en marcha un obradoiro de musicoterapia para persoas maiores.

Ademais estase barallando a posibilidade de poñer en marcha un programa de receitas médicas, para aquelas persoas que sexan grandes dependentes e non teñan familia e /ou veciños que poidan axudarlles. Neste caso os voluntarios/as irían a buscarlles as receitas e menciñas que precisasen.

Outra novidade para o vindeiro curso é a entrada do voluntariado amiense no mundo na rede social, así todos aqueles que queiran poñerse en contacto coa OVA terán outra canle de transmisión como é o facebook.

Desde a OVA anímase a toda a poboación amiense a unirse ao mundo do voluntariado municipal. Para máis información poden contactar coa OVA a través do número de teléfono 981883703 ou enviando un correo electrónico a voluntariado@concellodeames.org


A Oficina de Voluntariado do Concello de Ames desenvolve ao longo de todo o ano diferentes actividades como son os cursos de corte, confección e patronaxe; o curso de viticultura; o curso da Escola Integral de Maiores; os cursos de informática, nos que participan os alumnos/as da Escola Integral de Maiores; e os cursos de castelán para estranxeiros. Tamén hai que destacar o importante traballo que levan a cabo durante todo o ano as persoas que atenden o roupeiro municipal. Todas estas actividades desenvólvense ao longo de todo o ano en Bertamiráns e no Milladoiro.

Moita das actividades que desenvolve a Oficina de Voluntariado do Concello de Ames quedaron en pausa ante a chegada da época estival. É o caso do curso de viticultura, o de corte e confección, o club de lectura, as escolas integrais de maiores ou os cursos de español para estranxeiros, que volverán ao seu funcionamento regular no mes de novembro.

A diferencia desta actividades que se toman unha pequenas vacacións, hai outras que non teñen tempo para gozar deste descanso. É o caso do curso de apoio escolar para nenos e nenas en desvantaxe social, onde unha voluntaria axuda nos estudos e tarefas escolares a seis rapaces durante dous días á semana. O mesmo ocorre co proxecto do roupeiro municipal, que aínda que diminúa a súa actividade, segue a un gran ritmo durante todo o verán.

Durante os meses de xullo e agosto o roupeiro municipal non recolle roupa co fin de poder reestruturar o servizo. Durante estes dous meses estase ordenando e limpando as instalacións do roupeiro municipal de cara ao vindeiro curso e o persoal voluntario que traballa de xeito desinteresado neste servizo vai coller un tempo de descanso.

A pesar disto, nos meses de xullo e agosto, séguese entregando roupa a todas aquelas persoas que así o solicitan. As voluntarias, catro durante a época estival, son as encargadas de recibir as prendas de roupa, facer a escolla das que estean en bo uso, almacenalas no roupeiro e entregalas ás familias máis desfavorecidas do concello, sempre baixo a supervisión do técnico de voluntariado do departamento de Servizos Sociais.

E outra das actividades que se segue a manter tamén é a de acompañamento a persoas maiores e/ou persoas con discapacidade que tamén funciona dunha forma regular, aínda que cunha redución de horas ao haber só catro voluntarios para todo o servizo. Este servizo préstase en casos concretos nos que a persoa beneficiaria sofre dificultades para acudir ás citas debido a problemas de memoria ou de orientación.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "El voluntariado de Ames continúa con parte de su actividad en el verano"
La Voz de Galicia: "La oficina de voluntariado de Ames ofrecerá clases de inglés básico"