[29-10-2015] O Concello de Ames, a través da Oficina do Voluntariado (OVA), organiza numerosas actividades e eventos que serven para fomentar a participación social entre os diferentes individuos e colectivos da poboación amesá. Durante este mes de outubro botaron a andar a práctica totalidade das actividades ofertadas, agás o curso de español para estranxeiros do Milladoiro, que comezará a finais do próximo mes de novembro. En total son 156 as persoas que decidiron participar dos cursos e obradoiros que ofrece a OVA para o curso 2015-2016.
Outra das actividades que comezou este mes de outubro foi o club de lectura para maiores do Milladoiro, que se desenvolve os martes, en horario de 16:30 a 17:30 horas, e do que participan 11 persoas. Ademais, botou a andar o curso de español para estranxeiros de Bertamiráns, un obradoiro no que participan 9 veciños e veciñas co obxectivo de dar resposta ás necesidades específicas das persoas que veñen vivir ou traballar ao concello dende outros países. As clases impártense os martes e xoves, de 12:00 a 14:00 horas. O curso de español para estranxeiros do Milladoiro comezará a finais do próximo mes de novembro e desenvolverase os luns e mércores de 10:00 a 12:00 horas.
Ademais, dende a Oficina do Voluntariado deron comezo aos cursos de patronaxe, corte e confección, con 11 persoas, de costura para principiantes, con 9 persoas, e de ganchillo para novatos/as, no que participan outras 12 persoas. Estas tres actividades desenvólvense en Bertamiráns. Os cursos de patronaxe e costura son os xoves, de 10:00 a 12:00 horas, mentres que o de ganchillo ten lugar os venres no mesmo horario.
Por último, este curso volve a organizarse o programa de apoio escolar, do que participan dous grupos de rapaces e rapazas, 14 en Bertamiráns e 7 no Milladoiro. Un grupo de 8 voluntarios e voluntarias, 4 por grupo, colaboran no desenvolvemento deste programa. Ademais, 4 voluntarios/as máis colaboran no programa de acompañamento a persoas maiores que tamén puxo en marcha, un ano máis, a Oficina do Voluntariado.
Por décimo terceiro ano consecutivo o Concello de Ames, a través da Concellaría de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica, puxo en marcha as Escolas Integrais de Maiores de Bertamiráns e do Milladoiro. Nesta escola, moitos amesáns que non tiveron a oportunidade de estudar cando eran novos, aprenden a ler, a escribir ou a facer pequenas operacións matemáticas. En Bertamiráns, as clases impártense para un grupo de 18 persoas os martes e xoves, de 16:30 a 18:00 horas, mentres que no Milladoiro esta actividade desenvólvese para dous grupos, un de 9 e outro de 12 persoas, os mércores e venres, de 16:30 a 18:30 horas.
Logo da boa aceptación que tivo o ano pasado, este exercicio repítese o obradoiro para maiores "Achégate ao inglés", do que participan 21 veciños e veciñas divididos en dous grupos de 9 e 12 persoas. O curso desenvólvese en Bertamiráns os luns e mércores en dúas quendas, de 10:30 a 11:30 horas e de 12:00 a 13:00 horas. Moi boa acollida está a ter tamén o curso de relaxación a través da pintura que se organiza en Bertamiráns. 14 persoas participan da terceira edición desta actividade os xoves de 18:00 a 20:00 horas.
Seminario de amigos da viticultura
Un ano máis, a actividade que máis interese esperta entre a veciñanza amesá é o seminario de amigos da viticultura, que se imparte no Milladoiro para un total de 28 persoas. Neste curso abórdanse cuestións referidas ao mantemento dos cultivos e a saúde dos viñedos, facilítanse coñecementos vinculados coas diversas castes propias de Galicia, os marcos de plantación máis axeitados para a produción e a maduración do viño, as distintas formas de guiar os bacelos e, tamén, achégase información sobre as mellores técnicas de poda que se deben aplicar.




